Preto de 600 persoas participaron na XXXII Festa dos Xubilados de Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Un dos momentos máis emotivos do encontro foi o acto de recoñecemento ás persoas de maior idade presentes na celebración
festa-dos-maiores-de-outeiro-de-rei
3 Jul 2026

O Concello de Outeiro de Rei celebrou este sábado na Área Recreativa de Santa Isabel a XXXII Festa dos Xubilados, unha das citas máis emblemáticas do calendario municipal, que reuniu a preto de 600 veciños e veciñas nunha xornada de convivencia, homenaxe e lecer dedicada ás persoas maiores do municipio.

A celebración desenvolveuse nun ambiente festivo e de reencontro, no que os asistentes puideron compartir unha tarde marcada pola participación e a camaradería. A animación musical correu a cargo do Dúo Estrellas e do grupo de cantos de taberna Son Outeiro, que contribuíron a crear unha atmosfera de festa e diversión ao longo de toda a xornada.

Un dos momentos máis emotivos do encontro foi o acto de recoñecemento ás persoas de maior idade presentes na celebración. O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, e a concelleira de Servizos Sociais, María José Martínez, foron os encargados de facer entrega dun agasallo conmemorativo a Fe Viña Peña e Ramiro Lorenzo Barreiro, ambos de 93 anos, como mostra de respecto e agradecemento á súa traxectoria e contribución á vida do municipio.

A XXXII Festa dos Xubilados volveu poñer de manifesto o compromiso do Concello co benestar e a participación activa das persoas maiores, converténdose un ano máis nun espazo de encontro, convivencia e recoñecemento para este colectivo.

0.13094115257263