Primeiras fendas do franquismo
Por Moncho Paz
A década de 1960 comezou en Vilalba coa toma de posesión como alcalde de Filiberto Álvarez Marín, até daquela xefe de Correos na capital chairega. Permaneceu no cargo ata 1969. Moi comentada nesa época foi unha anécdota que protagonizou co gobernador civil de Lugo, José del Valle Vázquez, unha calorosa tarde na que este regresaba dunha visita a Abadín e decidira facer unha parada en Vilalba para tomar un refrixerio no bar Roca. Ao saír agardábao o seu chofer, de apelido Chilares, que abriu a porta apresurado para que a autoridade competente subira ao asento traseiro do coche oficial. Coincidiu que naquel preciso instante pasaba por alí o alcalde e, ao velo, o mandatario provincial baixou de súpeto do vehículo para parolar, circunstancia da que non se decatou Chilares, que arrancou decidido cara a Lugo, comprobando ao chegar que “perdera” ao gobernador no traxecto. Abraiado, botou as mans á cabeza e volveu ás presas para desandar o camiño a Vilalba, onde unha gargallada do representante gobernamental lle devolveu a tranquilidade, pois o pobre home pensaba que o seu xefe caera do coche e ben podía estar tirado en calquera cuneta. No fondo, o despiste de Chilares veulle ben ao gobernador, que aproveitou para visitar co primeiro edil as obras de restauración da Torre da Homenaxe do Castelo dos Andrade, en proceso de transformación para convertela nun Parador de Turismo por mandato de Manuel Fraga, quen daquela era dos máis destacados ministros da ditadura e o responsable da operación propagandística dos “Vinte e cinco anos de paz”.
Como dicía o meu avó, “nas cunetas están outros”. E tiveron que pasar máis de trinta anos dende a morte de Franco para que se estableceran legalmente as medidas a favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura. Así o reflectiu con dor na alma Luis Pimentel nos seus versos: “Outra vez, outra vez o terror! / Un día e outro día / sen campáns, sen protesta / Galicia ametrallada nas cunetas / dos seus caminos (…)”. O poema Cunetas, inédito en vida de Pimentel, publicábase por vez primeira en 1966, incluído no libro Galicia hoy (editado por Ruedo Ibérico) e que foi distribuído en Francia e Arxentina. Aquí era imposible atopalo nas librarías.
Volvendo á visita inesperada do gobernador, dicir que estas aparicións repentinas non eran gratuítas, senón bastante ilustrativas do costume que tiñan estes persoeiros do réxime cando visitaban periodicamente vilas e cidades, a maioría das veces sen aviso previo, mesturando o público e o privado sen rubor de ningún tipo. Os gobernadores civís eran os homes fortes do franquismo, e entre as súas competencias estaba precisamente a de nomear aos alcaldes. Pola súa banda, os concelleiros debían ser designados por terceiras partes do seguinte xeito: por elección da veciñanza entre o censo dos cabezas de familia (terzo familiar); por elección dos organismos sindicais do municipio (terzo sindical); e por elección entre entidades económicas, culturais e profesionais da vila, cunha lista de candidatos que propoñía o gobernador civil ao Concello (terzo corporativo).
Naquel tempo, Vilalba estaba a recuperar o seu ambiente cultural, tras os anos de casino e de fútbol da posguerra. Aínda que no relativo á tradición xornalística había unha sequidade total, en comparanza cos primeiros lustros do século -agora soamente se distribuía a Folla Parroquial-, non podemos dicir o mesmo da afección musical, que na nosa vila vén de lonxe, pois dende finais do XIX contou sempre con bandas de música e numerosas agrupacións corais. En 1962 xorde a Masa Coral Vilalbesa, que estivo dirixida por Alfonso de la Torre Piñeiro e acadou gran renome tras a súa primeira actuación no teatro da Acción Católica. Estaba integrada só por homes, entre os que se atopaba o propio alcalde, e outros veciños como Ramiro Mosquera, Chao Cobo, Suso Trastoy e o seu curmán Raúl, Xosé Mª García Leira, Carlos Fraga, Humberto Pulpeiro, Antonio López (Botes), Manolo “o Nervio” e Ánxel do Santo, coñecido como “Lilán”. Cousa de homes foi tamén a Festa dos Pepes, celebración creada por José Apenela en 1961 e onde tampouco tiñan cabida as mulleres.
E, musicalmente falando, non podemos esquecer os guateques, aqueles encontros nos que un espazo común, un tocadiscos e amigos e amigas do instituto reuníanse para merendar, bailar e, sobre todo, conquistar. Podían celebrarse na casa, nun garaxe ou nun local alugado expresamente para elo, coma o salón de baile do vello Locas ou o bar Tamanaco. Eran momentos de lecer e de esperanza contida, onde o aire entraba a través de xanelas abertas que amosaban as primeiras fendas do franquismo.
Outro cambio destacable no decenio foi a proliferación de vehículos utilitarios. A chegada do Seat 600 e outros modelos da época fixeron posible que se cumprira o soño de moitas familias de pasar unhas vacacións xunto ao mar. Arrancou así o 'boom' turístico -destes anos é o slogan Spain is different!- e xurdiron anuncios publicitarios de todo tipo nos medios de comunicación. Por exemplo, o Simca 1000 lanzouse en 1965 baixo o reclamo “cinco prazas con nervio”, unha estratexia comercial que tivo ampla repercusión. De feito, o Chavito mercou un ao ano seguinte e foi o coche da nosa infancia.