Programadas as obras de mellora da eficiencia enerxética no CEIP Terra Chá
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades licita hoxe obras de mellora da eficiencia enerxética no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá de Vilalba, ás que destina 204.200 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións e explicou que as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o día 17 de xaneiro; o prazo de execución dos traballos será de tres meses.
A intervención contempla substituír 85 ventás por outras similares ás que foron instaladas recentemente, con dobre acristalamento e apertura oscilobatiente, co que se completaría a renovación en todas as estancias que teñen uso docente. Igualmente, cambiarase o sistema de iluminación coa colocación de 223 puntos de iluminación LED.
Ademais das actuacións encamiñadas a conseguir un maior aforro enerxético, tamén se actuará sobre algunhas dependencias para gañar en confort e modernizar as instalacións. En concreto, vaise acondicionar unha nova aula de infantil con baño integrado no interior e reformaranse dous baños, un deles para facilitar a accesibilidade. Por último, pintaranse algunhas zonas tanto interiores como exteriores do centro.
Arias lembrou que recentemente acometéronse outras melloras no colexio, entre as que destaca a instalación dun ascensor. “A Xunta -sinalou- inviste nas infraestruturas educativas conforme ao Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia, para crear contornas de aprendizaxe baseadas nas novas necesidades educativas, tecnolóxicas, sanitarias ou medioambientais, entre outras”.