PROLAVI organizará en Vilalba un seminario sobre exoesqueletos industriais para mellorar a prevención laboral

A empresa PROLAVI celebrará o martes 16 de xuño en Vilalba un seminario gratuíto centrado nos exoesqueletos industriais e no seu papel na prevención de riscos laborais e na mellora da produtividade nas empresas. A iniciativa foi dada a coñecer pola Asociación de Empresarios de Vilalba, que trasladou aos seus asociados a invitación remitida pola compañía.
A xornada leva por título Exoesqueletos industriais: impulsando prevención e produtividade e enmárcase no recente acordo alcanzado por PROLAVI coa firma Biosafety para a distribución dos seus exoesqueletos en Galicia, Asturias e León. Esta colaboración permitirá incorporar ao catálogo da empresa unha tecnoloxía destinada a reducir a carga física dos traballadores, mellorar a ergonomía nos postos de traballo e contribuír á prevención de trastornos musculoesqueléticos.
Segundo explican desde PROLAVI, a incorporación destes dispositivos reforza o compromiso da compañía coa seguridade e a saúde laboral, apostando pola innovación como ferramenta para mellorar as condicións de traballo nos sectores industriais.
Durante o seminario abordaranse cuestións relacionadas cos trastornos musculoesqueléticos, as súas consecuencias e custos para as empresas, así como os distintos tipos de exoesqueletos existentes e os sectores nos que poden ser aplicados. Tamén se analizarán os modelos máis adecuados segundo as necesidades ergonómicas de cada posto de traballo, as vantaxes do seu uso e as fases necesarias para a súa implantación nunha organización.
A programación inclúe ademais a exposición dun caso real de implantación a cargo de Asier González, da empresa GH Cranes, así como unha demostración práctica na que os asistentes poderán probar distintos modelos de exoesqueletos industriais. A xornada concluirá cun espazo de intercambio de experiencias e análise das necesidades actuais das empresas participantes.
O encontro contará tamén cun café networking destinado a favorecer o contacto entre profesionais e representantes empresariais.
A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 13.00 horas nas instalacións de PROLAVI, situadas no Centro Loxístico e Oficinas do Polígono Industrial Sete Pontes, na Rúa da Cerdeira P-31 de Vilalba. A participación é gratuíta, aínda que require inscrición previa.