Proxéctase un documental sobre a vivenda como ben social en Vilalba

TerraChaXa
O Iescha organiza para o venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, a proxección do documental A vivenda, un ben social?.
cartaz documental iescha vilalba
13 Jun 2022

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración co Concello de Vilalba, organiza para o venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, a proxección do documental A vivenda, un ben social? dirixido por Marisé Fernández e Xosé Boxica.

Posteriormente, levarase a cabo unha charla coloquio na que participarán Marisé Fernández, traballadora social, e Xosé Anxo Carreira Montes, arquitecto e profesor da UDC, actuando de moderadora Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

A vivenda, un ben social? é o primeiro documental galego que reflexiona sobre a situación da vivenda en Galicia, a comunidade que está á cabeza nas estatísticas de vivenda baleira no estado cunha porcentaxe que rolda o 19%.

Ditas cifras evidencian o fracaso das políticas tomadas ata o momento para rehabilitar vivenda en cidades e vilas pero tamén as de fixación de poboación no rural. Malia isto, a presión do mercado inmobiliario e os pisos turísticos fan subir os alugueiros, especialmente en cidades como Coruña, Santiago ou Lugo. As e os protagonistas e casuísticas reflectidas nesta peza son varias, desde persoas sen fogar a persoas en risco de exclusión social, familias, okupas ou persoas que poden quedar sen fogar pola especulación do mercado. Por suposto, non falta a ollada de técnicos en diversas disciplinas que aportan unha ollada analítica, social e científica.

Durante o documental vaise debullando a problemática da vivenda en Galicia no contexto do Estado Español e Europa, tanto nas urbes, nas vilas e nas aldeas. Ao mesmo tempo, as características endóxenas ao mercado inmobiliario vanse relacionando coa problemática persoal das testemuñas que contan a súa vivencia. Tamén se interrelaciona coa cuestión das axudas sociais, pois moitas veces a vivenda é un requisito preciso para optar a elas difícil de conseguir. Os fondos voitre, a especulación, o abandono, a compra fronte o alugueiro ou a falta dun parque de vivenda social do Estado son outros dos temas que se abordan.

Do mesmo xeito apórtanse solucións diversas para mellorar o acceso a este dereito. Un dereito que está na parte baixa da pirámide de Maslow, que reflexa a orde das necesidades que temos as persoas. No base estarían as fisiolóxicas pero xusto despois a seguridade física, a moral, a saúde e a familia, cuestións impensables sen un fogar.

0.16560101509094