PSOE cre insuficiente a actuación contra a avespiña do castiñeiro
O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, cualificou de “insuficiente” a xestión da Xunta contra a praga da avespiña do castiñeiro -Dryocosmus kuriphilus-. O responsable socialista dixo no debate dunha pregunta en Comisión que que a “Xunta non é capaz de controlar as pragas, ou ben comenza tarde a combatelas ou os métodos utilizados non son os eficaces”.
Pérez Seco sinalou que a solta de Torymus –unha especie de avespas procedentes de Italia que combaten á praga- por parte da Xunta dende abril ata hai uns días, aínda que dupricaron ás do ano pasado, seguen a ser “cantidades claramente insuficientes como para frear a expansión da avespiña”.
O deputado socialista advirte que a situación é realmente preocupante xa que a avespiña “cada ano coloniza máis árbores e que de non combatela eficazmente ameaza coa desfeita dos soutos e provocando unha baixada na produción de castaña”.
Trátase dun asunto de vital importancia, xa que esta praga é a peor praga que sofren os castiñeiros galegos “desde que no ano 2014 fora detectada nas provincias de Lugo e Ourense”. Hai que recalcar que “a día de hoxe está practicamente estendida pola nosa xeografía presentando porcentaxes de incidencia cada ano máis altos ata o punto de constituír a máis seria ameaza para a produción de produción de castaña”.
Os efectos desta praga notáronse notablemente na última campaña de recollida da castaña onde a produción foi “reducida e de menor calidade”. En relación as perdas na produción a cantidade varia por zonas, “poden ser de arredor do 30 por cento ou mesmo chegar ó 50 ou 90 por cento, nos casos máis afectados, esta baixada de produción pode ser de aproximadamente 5 millóns de quilos”.
Explicou que na actualidade “entre 600 e 700 familias viven de forma directa da recolección de castaña en Galicia”, e que conta cunha Indicación Xeográfica Protexida con 150 produtores asociados, pero hai “máis de 20.000 familias que completan os seus ingresos coa recollida de castaña nas súas aldeas”.
XUNTA DE GALICIA
Pola súa banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, adiantou que reforzará a loita contra a avespiña do castiñeiro coa solta doutros 1,6 millóns do parasito Torymus sinensis en toda Galicia. Unha petición realizada xa ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ante os bos resultados acadados con esta loita biolóxica, iniciada xa no ano 2015.
Así, José Luís Chan explicou que desde que se comezara con estas soltas experimentais do Torymus, na nosa comunidade liberáronse máis de 2,5 millóns destes individuos para parasitar os ovos da avespiña, posto que arestora é dos poucos métodos existentes para loitar contra este organismo. Isto conlevou, subliñou o director, un orzamento de máis de 3 millóns de euros só nos dous últimos exercicios (2018 e 2019), sendo o gasto previsto para o vindeiro ano doutros 2,1 millóns de euros.
O resultado destas soltas, indicou o director xeral, confirmou que o parasito se está asentando nos soutos de castiñeiros de Galicia e, polo tanto, demóstrase a efectividade desta medida para loitar contra os danos ocasionados pola avespiña do castiñeiro (Dryocosmus Kuryphilus), que está sendo un referente noutras comunidades autónomas e, incluso, noutros países.
Neste senso, o responsable da sanidade forestal na nosa comunidade indicou que este ano se liberaron case 1,6 millóns de parasitos, dos cales o 43% foi na provincia de Ourense, o 38% na de Lugo, o 12% na da Coruña e un 7% en Pontevedra. En calquera caso, matizou, os puntos de solta distribuíronse por todos os distritos forestais de Galicia para cubrir a totalidade do territorio. Ademais, destacou que catro empresas galegas foron autorizadas para a produción de Torymus (ata o de agora só Italia o facía).