PSOE de Outeiro de Rei pide unha ordenanza de protección e benestar animal

TerraChaXa | LugoXa
A agrupación socialista de Outeiro de Rei levará ao Pleno municipal deste mes unha moción pedindo ao Alcalde que proceda á aprobación inmediata dunha ordenanza de protección e benestar animal.
protectora animais lugo
25 Apr 2024

A agrupación socialista de Outeiro de Rei levará ao Pleno municipal deste mes unha moción pedindo ao Alcalde que proceda á aprobación inmediata dunha ordenanza de protección e benestar animal. Así o informou a voceira do PSOE de Outeiro, Carmen Acacio, quen engadiu que o seu partido pedirá que a normativa a redacte un grupo de traballo no que participen os axentes sociais representativos e que se “articulen os fondos necesarios para o seu desenvolvemento”.

“Nun concello de 5.300 habitantes como o noso é inconcibible que non haxa instalacións para acoller animais extraviados ou abandonados, nin protocolo de recollida e coidado, nin control das colonias felinas, nin campaña de esterilización cirúrxica, nin xestión destas colonias”, subliñou Acacio. Para a voceira socialista, unha ordenanza “é un instrumento idóneo” no que recoller os dereitos e obrigas dos veciños e veciñas con respecto ás súas mascotas e animais de compañía. Denuncian os socialistas na súa moción que o Alcalde e o seu equipo de Goberno “teñen moitas cuestións que afrontar en materia de protección animal”.

Carmen Acacio argumentou que levan esta moción porque no seu grupo “temos claro que o aumento do número de animais de compañía nos fogares, a diversidade de situación que se presentan con esta realidade e a súa incidencia en cuestións que afectan á saúde e a seguridade obrigan ás administracións a afrontar actuacións para mellorar a convivencia entre todos”. E lamenta que o Concello só dispoña de dúas ordenanzas relacionadas co tratamento de animais, unha que regula a licenza pola tenza de animais potencialmente perigosos, do seu rexistro e da sección local do rexistro de animais de compañía, e a que regula o uso público de zonas verdes e áreas recreativas.

Arranxo urxente do municipal de San Lourenzo de Aguiar

Os socialistas presentarán tamén un rogo para esixir ao Alcalde o arranxo urxente do campo municipal de San Lourenzo de Aguiar, apoiando as reivindicacións da Agrupación Deportiva Matela. Reclamarán ao Concello unhas instalacións “dignas” para este equipo de fútbol local que compite na Terceira galega. “O acceso é por un camiño de terra en malas condicións, o redor do campo está todo desfeito e os vestiarios non cómpren nin os mínimos de salubridade”, denuncia Acacio.

0.16301393508911