PSOE esixe a Medio Rural que remate coas concentracións parcelarias

TerraChaXa
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Óscar Vilar Chento, esixiulle ao conselleiro de Medio Rural que axilice o proceso de concentración parcelaria de Galicia.
3 Dec 2019

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Óscar Vilar Chento, esixiulle ao conselleiro de Medio Rural que axilice o proceso de concentración parcelaria de Galicia. Vilar presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lembrou que aínda quedan 104 procesos de concentración parcelaria en Galicia que en casos suman décadas de espera, ademais de outros 17 coa entrega de títulos pendente.

O responsable socialista puxo en dúbida que o goberno galego poida cumprir co seu compromiso de rematar coas parcelarias nesta Lexislatura, que Feijóo acuñou co eslogan da “Lexislatura do Rural”. Explicou que se en máis de 3 anos e con 80 millóns de orzamento tan só avanzaron en 33 procesos, será difícil que en apenas 9 meses e cos 20 millóns pendentes de investir poidan rematar cos 104 procesos pendentes.

Vilar Chento puxo como exemplo casos de parcelarias “decretadas e pendentes”, cando a gran maioría delas levan máis de 20 anos “esquecidas”, como é o caso de Gonzar II en O Pino, Villestro e Figueiras en Santiago, Noceda, Bendoiro, Anzo, Madriñán e Busto en Lalín, ou Agolada, entre moitas outras.

Explotacións leiteiras

O parlamentario socialista desmentiu o suposto compromiso do goberno galego coa xente que “traballa, coida e reside no rural galego” cando a pesares da súa política de anuncios “cada día pechan máis explotacións leiteiras” a un ritmo dunha por día, tal e como sinala o Fondo Español de Garantía Agraria –Fega-. Así, dixo, dende 2016 perdéronse un total de 1.353 explotacións leiteiras ata un total de 7.249 actualmente.

RESPOSTA

O conselleiro do Medio Rural, José González, respondeu a esta pregunta sobre a situación actual dos procesos de reestruturación parcelaria en Galicia indicando que na presente lexislatura se destinan máis de 100 millóns de euros a impulsar estes procesos de reordenación do territorio, xa que son claves como instrumentos de dinamización do agro galego.

Durante a súa comparecencia, o titular de Medio Rural sinalou que, a día de hoxe, estase traballando en 121 parcelarias que afectan a preto de 120.000 hectáreas e 90.000 propietarios. Nesta liña, José González adiantou que nestas concentracións xa se realizaron o 95% dos investimentos.

O conselleiro asegurou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os custos de produción das mesmas. Por iso, engadiu, as novas reestruturación parcelarias teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

Neste sentido, José González reiterou, unha vez máis, o compromiso da Xunta en pechar administrativamente os 104 procesos abertos a día de hoxe e sinalou que, desde que se comezou coa concentración en Galicia, actuouse en máis de 1.000 zonas que abranguen unha superficie de máis de 500.000 hectáreas, beneficiando a case medio millón de propietarios. “As cifras impresionan”, destacou o conselleiro, ao tempo que incidiu en que Galicia ten no desenvolvemento rural unha garantía de futuro.

Sobre o acordo acadado con Mercosur, o conselleiro sinalou que é beneficioso para a Unión Europea e para os países latinoamericanos incluídos en Mercosur, posto que contribuirá a un aumento progresivo do intercambio de mercadorías e servizos entre países.

0.33836913108826