Publicada a primeira convocatoria de axudas do Fondo de Transición Xusta para a zona das Pontes

TerraChaXa
As achegas contribuirán á creación ou mantemento de máis de 150 postos de traballo
dineiro-cartos-moedas-orzamento
Destinaranse 7 millóns de euros ás axudas
21 Maio 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as axudas para impulsar proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña. Unhas achegas cuxo importe ascende a 7 millóns de euros que serán financiados co Fondo de Transición Xusta e favorecerán a mobilización de 15,5 millóns de euros ao tempo que contribuirán á creación ou mantemento de máis de 150 postos de traballo. Neste sentido, darase prioridade á creación de emprego nos concellos máis afectados polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama (Cerceda), con especial apoio á xeración de postos de traballo para colectivos de interese.

As axudas publicadas hoxe permitirán un aforro enerxético anual superior a 3.100 MWh e unha redución na emisión de gases de efecto invernadoiro de 3.300 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente á acción de 165.000 árbores.

Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada.

Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible.

Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.

0.18835496902466