Publicada a revisión do Plan Forestal de Galicia

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PFG contempla un investimento de 4.900 millóns de euros no monte galego nos próximos vinte anos, incluíndo fondos públicos e privados.
árbores
26 Oct 2021

O PFG contempla un investimento de 4.900 millóns de euros no monte galego nos próximos vinte anos, incluíndo tanto fondos públicos como financiamento privado. Algunhas das finalidades máis destacadas pasan por acadar as 425.000 hectáreas de superficie ocupada por frondosas autóctonas e unha redución da superficie con presenza de eucalipto do 5 % ao final do período.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o decreto polo que se aproba a 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 (PFG) “Cara á neutralidade carbónica”, que contempla un investimento de 4.900 millóns de euros no monte galego nos próximos vinte anos, incluíndo tanto fondos públicos como financiamento privado. Esta é unha das grandes cifras do documento que se elaborou dando cumprimento ás recomendacións do Ditame da Comisión Forestal do Parlamento. Establece unha proxección do monte do futuro para o período 2021-2040, cunha serie de grandes obxectivos e indicadores.

Unha das principais liñas pasa por promover a rexeneración natural de frondosas caducifolias, ata chegar a unha superficie total ocupada por estas masas autóctonas de 425.000 hectáreas en 2040, actuando nun 15 % da superficie de frondosas. Ademais, a superficie de frondosas obxecto de xestión activa mediante tratamentos silvícolas incrementarase dende as 5.000 ha no primeiro quinquenio ata as 20.000 ha no último. Mentres, o programa de recuperación de bosques de ribeira abranguerá outras 20.000 ha.

No caso concreto do castiñeiro, o PFG contempla un programa estratéxico para contribuír á conservación e posta en valor desta especie, con actuacións en 8.000 ha deica o 2040 para recuperar soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación, 2.000 ha delas ata o 2025. Así mesmo, prevese crear novos soutos tanto para a produción principal de castaña como para xerar madeira, cada unha das liñas con 8.000 hectáreas.

En relación ao eucalipto, márcanse programas de actuación e iniciativas que contribúan a unha redución da superficie con presenza de eucalipto do 5 %, ao final do período. Así, cabe apuntar que coa entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria o pasado 22 de maio, activouse tamén a suspensión temporal de novas plantacións de eucalipto onde antes non os había, ademais de reforzar a supervisión e control por parte da Xunta para asegurar o cumprimento da normativa. 

A maiores, priorizarase a mellora da xestión e a produtividade das masas de eucalipto xa existentes e aplicarase un programa de transformación de eucaliptais degradados. Así mesmo, potenciarase a silvicultura do eucalipto e reducirase a combustibilidade das masas mediante a xestión activa, incrementando tanto a taxa de aproveitamento da especie como a certificación e as iniciativas de xestión conxunta. Así, dentro desa redución, un total de 20.000 hectáreas converteranse en masas doutras especies.

O obxectivo é que no 2040 Galicia conte cunha superficie menor de eucaliptais, mediante a transformación en plantacións doutras especies. Paralelamente, mellorarase a produtividade naquela superficie na que se circunscriban as masas de eucalipto, incrementando a taxa de aproveitamento co obxectivo de alcanzar un 90 % do crecemento corrente anual. Así, cunha menor superficie de eucalipto, a produtividade das masas vai ser maior como consecuencia das medidas adoptadas. Así, preténdese que as actuacións silvícolas supoñan unha transformación na estrutura dos combustibles forestais dos eucaliptais de produción, cunha tripla estratexia: a redución da carga de combustible potencialmente dispoñible nos meses de alto risco, a conversión en determinadas áreas a outras especies ou formas de cultivo e o illamento coa ruptura da continuidade de grandes superficies de combustible.

En base a estas premisas establécese, por exemplo, o obxectivo de mobilizar os recursos madeireiros que permitan atender as demandas da actividade industrial ligada á madeira e á biomasa. Así, márcase un incremento da mobilización de recursos madeireiros cunha taxa global de extracción de todas as especies (incluída a conífera) de xeito tal que pase do 60 % ata o 70 % da posibilidade, cunhas cortas anuais de ata 12 millóns de metros cúbicos ao remate do período, unha cifra que arestora se sitúa en algo máis de 9 millóns.

En relación coas coníferas, especialmente o piñeiro, no Plan contémplase fomentar a través de liñas de axuda as repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética, incrementando mediante esta vía a superficie que ocupan estas especies en 20.000 hectáreas no prazo de 20 anos. Tamén se aplicarán actuacións silvícolas nun total de 50.000 hectáreas de coníferas deica o ano 2040 e irase incrementando a porcentaxe de volume de cortas con destino a serra ou usos estruturais ata un 75 % nese tempo.

O control das especies invasoras (especialmente das acacias) mediante un programa de control que abranguerá 1.000 hectáreas en total, o fomento da multifuncionalidade do monte ou a regulación do seu uso socio-recreativo son outras liñas de traballo. Outro programa destacado, xunto coa mellora da xenética forestal, é o dos chamados “montes protectores”. Trátase de inventariar e rexistrar aqueles montes ou terreos forestais que teñan un especial carácter protector do solo e regulador do ciclo hidrolóxico. Así, planifícase a creación e inscrición de montes protectores, para chegar a un total de 90.000 hectáreas amparadas por esta figura no horizonte do plan. Todo isto, cun aumento progresivo da superficie forestal xestionada con criterios de protección (incluíndo a que adquira a administración, a xestionada por contratos de xestión pública ou a de xestión privada), chegando no ano 2040 ata as 130.000 hectáreas. Ademais, porase en marcha un Programa de conservación de recursos xenéticos que abranguerá 15.000 ha e promocionarase o uso social ou turístico do monte mediante o establecemento dunha rede de infraestruturas verdes en contornas urbanas e en zonas de especial interese paisaxístico de forma progresiva, actuando en 25.000 hectáreas deica o ano 2040.

No ámbito da saúde e vitalidade do monte, o PFG intensifica os traballos de loita biolóxica contra a avespiña ou o cancro do castiñeiro, así como fronte ao gorgullo do eucalipto, a praga dos ameneiros ou a procesionaria do piñeiro, entre outras doenzas, uns traballos que se levarán a cabo en función do avance dos organismos.

Outra liña de traballo é a mobilización das terras agrarias infrautilizadas ou abandonadas -especialmente mediante proxectos liderados por agrupacións forestais de xestión conxunta- para recuperar o rural e fixar poboación nas aldeas, apoiando as explotacións resultantes mediante incentivos fiscais, axudas directas ou de discriminación positiva. Nese senso, cómpre lembrar que a Lei de recuperación regula estas novas figuras voluntarias que teñen por finalidade a xestión conxunta e sustentable dos terreos forestais, co fin de recuperalos e poñelos en valor.

Tendo en consideración outros instrumentos que recolle a Lei de recuperación da terra, en 20 anos prevese actuar en 150.000 hectáreas ao abeiro de proxectos de mobilización de terreos agroforestais e mobilizar outras 35.000 ha de terras forestais mediante actuacións de xestión conxunta, creando unha liña potente e consolidada de superficie baixo algún tipo de figura de xestión conxunta para chegar ás 150.000 ha en 2040.

Outros aproveitamentos forestais

Dentro do fomento dos recursos forestais non madeireiros, porase en marcha un programa de aproveitamento de pastos e forraxes en monte e de establecemento de sistemas silvopastorais, concretándose como obxectivo final chegar ás 225.000 hectáreas de superficie para esta actividade en toda Galicia en 2040, duplicando a superficie actualmente existente e reforzando a aposta pola gandería en extensivo.

O fomento de proxectos de ordenación de montes e instrumentos equivalentes de xestión forestal sustentable tamén se aborda. Así, márcase como obxectivo chegar a unha superficie total ordenada ao final do Plan de 850.000 ha. Delas, procurarase que cando menos 650.000 dispoñan da certificación forestal mediante calquera dos sistemas recoñecidos internacionalmente. Así mesmo, prevese que a superficie rexistrada de silvicultores activos sexa de 360.000 ha en 20 anos, co apoio de 50 millóns de euros.

Nesa dirección, cabe mencionar que a Xunta convocou este ano por vez primeira unha orde de axudas para impulsar a boa gobernanza nas Comunidades de montes veciñais en man común (Cmvmc), cun orzamento superior aos 6,7 millóns de euros. Esta orde deu cumprimento a unha medida concreta do PFG establecida despois de que a Comisión parlamentaria especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais aprobase un Ditame onde declaraba 123 medidas concretas a desenvolver, entre as que se atopaba a de “apoiar a xestión agrupada e profesional dos montes veciñais”. 

Outro ámbito de actuación é o da cadea monte-industria. Vaise incidir na súa modernización e en procurar que sexa altamente cualificada, produtiva e que elabore produtos de madeira ou baseados en madeira cun alto valor engadido. Farase mediante iniciativas coma o programa de divulgación e comunicación da cultura forestal, con, entre outras, 250 accións de formación e profesionalización de propietarios e/ou xestores de montes nos seguintes 20 anos. Tamén, cun programa de fomento da investigación, desenvolvemento e innovación forestal dotado con 135 millóns de euros en todo o período de vixencia e promovendo a cooperación e coordinación para mellora da formación forestal universitaria e profesional en Galicia.

Novo marco legal de protección e extinción de incendios

No marco do PFG, prevese ter lista na primeira metade desta lexislatura unha nova lexislación en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, un proceso totalmente participativo. Ademais, revisaranse e actualizaranse os plans de defensa e prevención dos incendios forestais dos distritos e elaborarase un inventario da rede de faixas de xestión de biomasa forestal. Así mesmo, elaborarase anualmente o Plan preventivo que integre as actuacións dos medios propios e contratados nos montes de xestión pública, nos Perímetros de Alto Risco (PARI), no marco dos convenios coa Administración Local e nas accións subsidiarias en cumprimento da lexislación vixente, por exemplo, nas franxas secundarias.

A maiores, elaborarase de xeito participativo un plan plurianual para a definición das instalacións, dos equipamentos e dos recursos necesarios para as sedes de distrito, talleres, almacéns, garaxes, puntos de encontro, puntos de vixilancia e bases de medios aéreos, recollendo as necesidades de equipamentos persoais, de parque móbil e de recursos tecnolóxicos e informáticos.

Canto á colaboración coas entidades e administracións locais, impulsarase o convenio para a xestión das faixas secundarias, reforzaranse os destinados a ter dispoñibles as brigadas de prevención/extinción e os camións de extinción, integraranse os convenios para a limpeza de marxes de pistas municipais e seguiranse elaborando e actualizando os Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais. En relación ás tarefas preventivas en parroquias priorizadas, continuarase incidindo na xestión de biomasa nas faixas secundarias. Neste capítulo, prevese un investimento de 200 millóns de euros ata 2040, para acadar as 20.000 ha de accións subsidiarias, os 20.000 kms de vías municipais con xestión de biomasa, as 20.000 ha de faixas secundarias priorizadas xestionadas e o 100 % dos concellos adheridos con Plan Preventivo.

Ademais, desenvolverase un plan continuado de formación do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios e porase en marcha un Centro Integral para a Loita contra o Lume que se situará en Ourense, na provincia máis afectada polos lumes.

Enlace ao decreto no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211025/AnuncioG0426-061021-0001_gl.html

0.15792679786682