Publicadas as axudas de Medio Rural que permiten adiantar parte dos cartos da PAC

TerraChaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde que permite anticipar a uns 27.
15 Xuño 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde que permite anticipar a uns 27.000 agricultores e gandeiros galegos ata 210 M€ da PAC a interese cero, tras o acordo entre a Xunta e varias entidades financeiras. Con esta publicación e cos convenios subscritos entre o Goberno galego e as entidades bancarias, os produtores poden obter o adianto das subvencións sen intereses.

Polo tanto, os interesados poden solicitar estes empréstitos sen interese ata o 30 de xullo nas oficinas de Abanca, Caixa Rural Galega, Sabadell, Santander e CaixaBank, e ingresar de forma inmediata unhas achegas que adoitan cobrarse no outono. Así mesmo, coa publicación hoxe desta orde no DOG, os solicitantes das achegas da PAC por adiantado poden pedir tamén dende o luns 15 de xuño as axudas da Consellería do Medio Rural para o pagamento da comisión inicial de apertura, o que conlevará que perciban a adianto da PAC a interese cero.

A duración máxima dos préstamos será de 12 meses. A comisión inicial de apertura do 1% do préstamo será subsidiada integramente pola Consellería do Medio Rural mediante subvencións a través da orde publicada hoxe. A medida beneficiará tanto aos produtores que pidan os préstamos agora, como aos que xa o fixesen con anterioridade, de xeito que a Xunta lles aboará tamén ese 1% do importe. As entidades financeiras participarán nesta liña de empréstitos cun importe máximo de ata o 90% do importe correspondente da PAC.

Unha vez solicitado o préstamo antes do 31 de xullo, o prazo máximo para a formalización da operación será de 15 días e o empréstito será amortizado no momento do cobro da subvención, o que suporá a súa cancelación inmediata. En caso de perda do dereito ao cobro, ou reintegro total ou parcial da axuda da PAC, o beneficiario deberá cancelar o préstamo aboando á entidade financeira a totalidade do seu importe. Neste caso, a comisión de apertura do préstamo non será financiada pola Consellería do Medio Rural, senón polo propio beneficiario.

Este convenio entre a Xunta e distintas entidades financeiras forma parte das medidas contempladas no Plan de liquidez da Consellería do Medio Rural para anticipar o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas, co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria.

Cabe lembrar que, no marco deste Plan de liquidez, a Consellería xa publicou o pasado 22 de maio no Diario Oficial de Galicia unha orde para axilizar o pagamento das subvencións xa concedidas pero que estaban pendentes de comprobación en campo e pago por parte da Administración.

0.11206603050232