Publicadas as axudas do Plan Leader a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural
O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa ten publicada a convocatoria de subvencións para a execución de proxectos da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Trátase das achegas ás que pode optar calquera persoa ou entidade a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural do territorio galego para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, ben sexan de carácter produtivo ou non.
Nesta convocatoria o orzamento das axudas supera os 6,6 millóns de euros en dúas anualidades (3,3 millóns para 2020 e 3,3 para 2021) e está cofinanciado nun 75% polo Feader, nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta. O crédito está xa previamente distribuído entre os grupos de desenvolvemento rural seleccionados no marco do PDR de Galicia 2014-2020 e pode consultarse no anexo desta convocatoria.
Aínda que o prazo de presentación de solicitudes é permanente durante todo o período de execución do Leader, concorrerán a esta convocatoria aquelas presentadas ata o 31 de xaneiro de 2020. As solicitudes de axuda dirixiranse, tendo en conta a localización do investimento, ao GDR que corresponda e presentaranse no formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria.
Serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR e as persoas beneficiarias de proxectos produtivos poderán solicitar un anticipo de ata un importe máximo do 50% da subvención concedida. No caso dos proxectos non produtivos esta porcentaxe pode chegar ata o 90%.
A asignación total da medida Leader para o período 2014-2020 é de 84 millóns de euros. Os seus principais obxectivos pasan por mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida, a inclusión social e a redución da pobreza. Trátase tamén de favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos, as persoas con discapacidade ou as persoas maiores.
Outros fins que se perseguen son os de garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.
Ademais, o programa Leader persegue un desenvolvemento rural baseado na participación da poboación do territorio, integrando nel todos os recursos e actores económicos e humanos existentes. Para asegurar esa participación da sociedade rural existen 24 GDR en Galicia, que son os responsables de seleccionar os proxectos que lles permiten desenvolver as súas estratexias de desenvolvemento rural. Estes grupos son o elemento básico da metodoloxía Leader de abaixo cara arriba, coas súas estratexias que definen no ámbito rural e determinan as liñas concretas de aplicación das axudas e os proxectos para financiar.