Publicadas as bases do Concurso de Fotografía de Samaín de Vilalba

TerraChaXa
O prazo para presentar as fotografías estará aberto do 29 deste mes ao 6 de novembro ata as 14.00 horas, ambos os dous días incluídos
concurso-fotografia-samain-vilalba
22 Oct 2026

O Concello de Vilalba organiza unha nova edición do Concurso de Fotografía de Samaín co obxectivo de fomentar a participación cidadá e promover a tradición do Samaín a través da creatividade e da fotografía. A iniciativa busca poñer en valor a cultura popular vinculada a esta celebración e animar á veciñanza a compartir as súas imaxes máis orixinais e terroríficas.

O certame, impulsado pola Concellería de Comercio, Turismo e Promoción da Lingua, conta con dúas categorías: individual adulta, destinada a persoas maiores de idade, e familiar ou grupal, na que poderán participar equipos formados por entre dúas e cinco persoas.

As persoas participantes deberán presentar unha única fotografía relacionada coa temática do Samaín. As imaxes terán que ser orixinais e inéditas, estar realizadas nun espazo exterior do Concello de Vilalba e entregarse en formato JPG, xunto co correspondente formulario de inscrición.

O concurso repartirá seis premios entre as dúas categorías. Na modalidade individual, os galardóns serán de 150 euros para o primeiro posto, 100 euros para o segundo e 50 euros para o terceiro. Na categoría familiar ou grupal, os premios ascenderán a 250 euros para a primeira posición, 150 euros para a segunda e 100 euros para a terceira.

O prazo para presentar as fotografías estará aberto do 29 deste mes ao 6 de novembro ata as 14.00 horas, ambos os dous días incluídos. As persoas interesadas deberán enviar as súas propostas ao enderezo electrónico turismo@vilalba.es, acompañadas da documentación requirida nas bases.

O xurado avaliará a orixinalidade, a creatividade, a escenografía e a calidade fotográfica das imaxes presentadas. Con esta iniciativa, Vilalba busca implicar a cidadanía na celebración do Samaín e dar protagonismo ás propostas que mellor reflictan o ambiente, a tradición e a imaxinación propias destas datas.

As bases completas do concurso e o formulario de inscrición están dispoñibles a través das canles de información de Turismo Vilalba.

0.14304304122925