Queixas do BNG das Pontes polas instalacións deportivas

TerraChaXa
O BNG das Pontes manifestou o seu malestar ante a situación actual do polideportivo municipal e o circuíto de karts.
circuito karts as pontes
circuito karts as pontes
7 dic 2022

O BNG das Pontes manifestou o seu malestar ante a situación actual do polideportivo municipal e o circuíto de karts.

Consideran os nacionalistas que o polideportivo Municipal, unha instalación imprescindible para o disfrute e rendemento deportivo dun pobo, leva xa case que dous anos sen funcionar. "Despois de catro prórrogas do contrato de obra da súa necesaria reparación e cunha subvención pendente de xustificar, o Concello non está de acordo co estipulado no contrato sobre o acabado. Polo tanto, non hai data á vista nin de solución nin de apertura cando temos unha Concellería de Deportes con dedicación exclusiva e cun asesor de obras que non foron quen de ver anomalías no seguimento da obra", din.

Pola súa banda, afirman que o Circuíto de Karts, "unha instalación que se vendeu como grande fonte de ingresos para o Concello, está a ser un saco sen fondo de gastos en eventos e obras". Engaden que este circuíto, ademais, non ten asociada ningunha ordenanza municipal reguladora cara o seu funcionamento e xestión. "Isto implica dúas cousas: primeiro, que a decisión última de quen pode usar o Circuíto cae no concelleiro de Deportes; e segundo se isto non for suficiente, ao non habermos unha ordenanza que o regule, o Concello non ten capacidade de ingresar carto ningún. Uso e desfrute a dedo e, por riba, con custo público e cero ingresos", explican.