“Queremos crear un documental con testemuñas dos maiores”
Cando naceu a asociación e que percorrido tivo?
A Asociación Cultural Deportiva Lecer de Gamelle naceu oficialmente en marzo de 2022, aínda que o proceso de formación comezou en outubro de 2021. A súa creación foi impulsada por Benilde, a nosa presidenta, coa idea de dinamizar a parroquia de Cirio e recuperar as xuntanzas entre veciños, especialmente os maiores. Desde entón, fixemos actividades que axudaron a unir á comunidade.
Como xurdiu a idea?
A idea xurdiu da inquedanza de Benilde por ofrecer un espazo de encontro e actividades na parroquia. Co meu apoio, son a filla, e dunha gran amiga e veciña, Milagros, decidimos formar a asociación para organizar eventos e actividades que fomenten a convivencia.
E ese nome?
O nome Lecer de Gamelle vén polo desfrute, e Gamelle, en referencia á fonte que se atopa preto e que é representativa da nosa zona. Queremos que o nome reflicta o espírito de desfrute e comunidade que nos caracteriza.
Quen forma parte da directiva actual e cantos socios a forman?
A directiva actual está composta por tres persoas: Benilde, Milagros e eu (Ana). A asociación conta con 30 socios, que son familias da parroquia ou aínda que non viven na parroquia teñen algún vínculo aquí.
Experimentou un crecemento nos últimos tempos?
Si, a asociación experimentou un crecemento positivo. A medida que organizamos máis actividades, máis persoas se interesan en participar e formar parte da comunidade.
Cales son as actividades máis habituais?
As nosas actividades máis habituais inclúen partidas de cartas todos os xoves, talleres específicos para nenos, talleres de tradición oral e pandeireta, así como xuntanzas gastronómicas como o cocido, o Magosto e o Lume Novo, así como xornadas de xogos, lectura e merendas. Tamén organizamos actos especiais para o día da patroa de Cirio, o 15 de agosto e o domingo de Ramos.
Como se presenta o resto do ano? Que actividades hai previstas?
Para o resto do ano, temos previstas varias actividades emocionantes. En outubro, esperamos comezar clases de música e baile tradicional, así como actividades deportivas. Tamén iniciaremos un club de lectura mensual para nenos e trimestral para maiores, e planeamos tres saídas grupais ao longo do ano. Continuaremos coas tardes de xogos e partidas para adultos e nenos. Prevemos que nos concedan subvención por parte da Deputación.
Hai algunha outra iniciativa que lles gustaría facer ou poñer en marcha?
Gustaríanos poñer en marcha máis actividades deportivas e de baile, que axuden a fomentar o movemento e a saúde dos nosos veciños. Tamén estamos traballando en mellorar a acústica do noso local para retomar as sesións de cine de barrio.
Hai outros proxectos máis de cara ao futuro?
No futuro, queremos crear un documental con testemuños dos nosos maiores, recollendo as súas historias e anécdotas para preservar a memoria da nosa comunidade. Tamén aspiramos a axardinar a zona da aira da escola para crear un espazo de lecer ao aire libre. Estamos agardando que o Concello poda traer terra ademais de adecuar o terreo para despois nós, dende a Asociación, sementar herba, flores, etc.
De que logros se senten máis orgullosos?
Sentímonos moi orgullosos do noso poder de convocatoria e da disposición dos veciños para participar nas nosas actividades. Ver á comunidade unida e desfrutando xuntos é unha gran satisfacción para nós.
Que necesidades teñen?
Necesitamos mellorar a infraestrutura do noso local, especialmente a acústica para as sesións de cine. Tamén precisamos apoio para axardinar a zona da aira da escola e recursos para poñer en marcha novas actividades deportivas e culturais.
Contan con axuda para manter a asociación activa?
Contamos coa axuda dos nosos socios. Aínda así, sempre buscamos novas formas de financiamento e colaboración para seguir crecendo e ofrecendo máis actividades á comunidade.