“Queremos ser unha alternativa seria, transformadora e ilusionante”

GaliciaXa | TerraChaXa
Pablo Alvariño foi elixido novo secretario xeral e voceiro do PSdeG de Cospeito
pablo-alvarino-psoe-cospeito
19 Jul 2026

A agrupación socialista de Cospeito abriu unha nova etapa coa elección de Pablo Alvariño Vázquez como secretario xeral e voceiro municipal do PSdeG. Veciño da parroquia de Vilapene, de 39 anos e profesor de Ensino Secundario na especialidade de Física e Química, Alvariño asumiu a responsabilidade de liderar a formación tras a Asemblea Extraordinaria celebrada o pasado 19 de xuño. Nun momento de reorganización interna e coa vista posta nas próximas eleccións municipais, conversa connosco sobre os retos que afronta a agrupación, a situación do concello e os obxectivos que se marca para esta nova etapa política.

Recolle o testemuño tras un escándalo coa acusación do anterior voceiro e recentemente a súa dimisión. Como se xestiona iso?

É evidente que foron momentos difíciles para a agrupación local e para o grupo municipal pero agora abrimos unha nova etapa na que asumo esta responsabilidade con moita ilusión e compromiso. Debemos mirar cara adiante, traballar con seriedade e centrarnos en defender os intereses da veciñanza.

E que significarán todos estes cambios para a agrupación local?

A agrupación local vaise fortalecer con novas persoas que xa manifestaron a súa intención de incorporarse e de colaborar co proxecto de cambio que imos liderar de cara as vindeiras eleccións e dende o grupo municipal seguiremos traballando facendo unha oposición sensata e construtiva no que resta de lexislatura.

Que obxectivos ten para as próximas eleccións?

O obxectivo é claro: presentar unha alternativa seria, transformadora e ilusionante para as próximas eleccións. Quedan aínda meses de traballo, de escoita e de proximidade, pero queremos chegar ás eleccións cun equipo preparado, cun programa realista que responda ás necesidades da veciñanza e coa ilusión de ofrecer o cambio que precisa Cospeito.

Xa ten unha lista ou aínda están en formación?

Estamos traballando nela. O máis importante non é ter a lista pechada con moita antelación, senón construír un equipo con persoas comprometidas e con gañas de traballar por Cospeito. Queremos contar con persoas de diferentes parroquias, con experiencia en diversos ámbitos e tamén con xente nova que achegue ilusión e novas ideas. O fundamental é que sexa un grupo unido e disposto a traballar polo interese xeral do noso concello.

Como se vinculou á política e ao partido?

Foi nas pasadas eleccións municipais cando me decidín a dar o paso aínda que sempre tiven interese pola política en xeral e pola vida do meu concello en particular porque creo que a política é a ferramenta para mellorar a vida e resolver os problemas reais das persoas. No Partido Socialista atopei o espazo que comparte os valores nos que creo profundamente como a defensa dos servizos públicos, os dereitos sociais ou a igualdade de oportunidades.

Como ve ao seu concello?

Cospeito é un concello con enormes posibilidades, principalmente pola súa orografía que lle proporciona grandes vantaxes para o desenvolvemento de sectores como o agropecuario e o gandeiro, e pola súa situación xeográfica e proximidade tanto a vías de comunicación estratéxicas como a autovía do noroeste ou a zonas como Lugo ou incluso A Mariña xa que Cospeito é unha zona de tránsito entre ambas localizacións. Porén, desde fai anos Cospeito está en decaemento: a poboación diminúe a pasos axigantados, hoxe somos pouco máis de 4000 habitantes e no 2000 aproximabámonos aos 6000 habitantes, e cada vez está máis envellecida, non somos capaces de atraer actividade económica que dinamice a vida do concello, o Plan Xeral de Ordenación Municipal aínda sen aprobar, os servizos públicos cada vez están máis deteriorados, etc.

Hai preocupación pola escola infantil entre os pais e nais.

Especialmente preocupante é o que está a acontecer na Escola Infantil, un servizo público de enorme transcendencia na que se constataron diversas irregularidades, algunhas delas graves, nunha inspección da Xunta feita o ano pasado e que está sendo foco de continuadas queixas por parte dos pais e nais que levan alí aos seus nenos e nenas. Por outro lado, o estado das estradas e camiños municipais, así como doutras instalacións municipais, é moi mellorable debido á falta de mantemento e arranxos precisos.

Ve posible un cambio de tendencia no voto?

Si, creo que é posible, e para iso estamos traballando en crear unha alternativa sólida e crible cun equipo preparado e un proxecto centrado nas necesidades e preocupacións da veciñanza. Nós imos traballar sen descanso para merecer a confianza dos veciños e das veciñas.

Sobre que eixos vai fundamentar o programa?

O programa partirá da escoita á veciñanza, pero hai varias prioridades claras: potenciar e mellorar os servizos públicos municipais e a atención ás persoas, especialmente aos nosos maiores; atraer actividade económica apoiando e favorecendo o tecido empresarial, o comercio e o sector agro gandeiro; elaborar un plan de coidado e mantemento das parroquias que nos permita establecer un protocolo e un calendario máis áxil e estable de actuacións de limpeza, desbroce, mantemento e pequenas reparacións nas parroquias e noutros espazos públicos do concello, dinamizar a vida no noso concello mediante o desenvolvemento de novos eventos ou actividades ao longo do ano que permitan atraer xante e favorezan o desenvolvemento económico e colaborar máis activamente cas distintas Asociacións do concello, as cales fan unha gran labor de cohesión social e organización de actividades tanto nas parroquias como na Feira do Monte e Muimenta.

EXECUTIVA LOCAL

  • Secretaría Xeral - Pablo Alvariño
  • Secretaría de Organización: Servando Otero
  • Secretaría de Política MunicipaL: José Ramón Chao
  • Secretaría de Medio Rural: Antonio Cupeiro
  • Secretaría de Xuventude e Tempo Libre: Asier Chao
0.13286304473877