Quince personas fórmanse no taller Eume IV que se inaugurou nas Pontes
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, inaugurou esta mañá no local da AVV Beira do Eume, nas Pontes, o obradoiro dual de emprego Eume IV que promoven os concellos das Pontes, As Somozas e A Capela, cun investimento autonómico de 308.946 euros.
Un total de 15 alumnos inician estes días a acción formativa na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Os participantes completarán a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local a desenvolver en diferentes espazos como o parque Campo da Feira ou as prazas do Hospital e América, nas Pontes.
A delegada territorial puxo en valor este tipo de accións formativas que “permiten mellorar a empregabilidade das persoas participantes, facilitando a súa inserción no mercado laboral a través da combinación da formación coa realización dun traballo efectivo durante un período de 9 meses” e animou aos alumnos a “rendabilizar ao máximo” esta oportunidade. “As empresas precisan cada vez máis man de obra cualificada e aí é onde tedes a vosa oportunidade, porque a formación que ides recibir está pensada para satisfacer as necesidades reais do entorno”, lembrou.
Este é un dos catro obradoiros duais de emprego que a Xunta financia este curso 2024-2025 en Ferrolterra cun investimento de 1,3 millóns de euros. Deles beneficiaranse 65 persoas en situación de desemprego, priorizando a aquelas con dificultades para acceder ao mercado laboral.