Rábade acolle unha xornada para descubrir o mundo subterráneo das covas galegas

A Casa das Insuas, en Rábade, acollerá este sábado 26 de setembro a xornada Falando de Covas, organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), unha proposta que permitirá achegarse ao mundo subterráneo das montañas galegas da man de persoas vinculadas á exploración e ao estudo das cavidades.
A programación comezará ás 19.00 horas coa presentación dunha maqueta da Buraca das Choias, unha cova situada no Courel. Fernando Debesa será o encargado de presentar a maqueta e explicar como se desenvolveu a exploración desta cavidade, que permanece inundada en boa parte do seu percorrido.
A continuación, ás 20.00 horas, Xosé González presentará o filme O Camiño de Cova Eirós, unha viaxe sensorial dunha hora polo mundo da arqueoloxía. A película achega ao público a esta cova de Triacastela, un espazo que conserva restos de fauna prehistórica e pinturas rupestres, permitindo coñecer parte do pasado agochado baixo terra.
A proxección de O Camiño de Cova Eirós conta co patrocinio de Cafés Candelas. A xornada pretende ofrecer ao público unha oportunidade para coñecer mellor o patrimonio natural, arqueolóxico e histórico que se agocha no subsolo galego e achegarse ás experiencias de quen explora e documenta estes espazos.