Rábade acollerá en agosto a segunda Concentración Motoclub Rábade Biker's

LugoXa | TerraChaXa
A programación dará comezo o sábado 22 de agosto coa apertura e recollida de inscricións a partir das 9.30 horas. Ás 10.30 horas iniciarase unha excursión con parada no concello de Cospeito
Concentración-Motoclube-rabade-26
Actualizada el 1 agosto 2026, 07:40 horas
29 Jul 2026

Rábade converterase os días 22 e 23 de agosto no punto de encontro dos afeccionados ao motociclismo coa celebración da II Concentración Motoclub Rábade Biker's, unha cita aberta a todos os públicos que combinará rutas moteiras, exhibicións, música, gastronomía e actividades pensadas para todas as idades.

O evento está organizado polo Motoclub Rábade Biker's coa colaboración dos concellos de Rábade, Friol e Cospeito, ademais da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia. A institución provincial participa cunha achega de 1.500 euros para apoiar a organización desta iniciativa, que busca consolidarse como unha referencia para os amantes das dúas rodas na provincia. Na presentación oficial da concentración participou o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, xunto ao presidente do Motoclub Rábade Biker's, José Antonio Baamonde Simón, e outras autoridades.

Durante o acto, Carlos López destacou o labor que realiza o colectivo organizador para impulsar unha actividade que contribúe á dinamización social e económica de Rábade e da súa contorna, ao tempo que favorece a convivencia e atrae visitantes. Tamén puxo en valor o compromiso da Deputación co tecido asociativo e cos eventos que axudan a promocionar o territorio e xerar actividade nos concellos lucenses.

Pola súa parte, a alcaldesa, Remedios González, agradeceu ao Motoclub Rábade Biker's o traballo e a implicación na organización desta iniciativa e destacou que este tipo de actividades contribúen a dinamizar a vila, favorecen a chegada de visitantes e permiten dar a coñecer Rábade entre os afeccionados ao motociclismo.

A concentración contará cunha zona de acampada cuberta con duchas dispoñible desde o venres para facilitar a estancia dos participantes. A programación arrancará o sábado 22 de agosto coa apertura e recollida de inscricións a partir das 9.30 horas. Ás 10.30 horas desenvolverase unha excursión con parada en Cospeito, onde os asistentes poderán desfrutar dun petisco. Ás 13.00 horas celebrarase a sesión vermú e media hora máis tarde ofrecerase unha pinchada para as persoas inscritas.

Pola tarde haberá colchonetas gratuítas para os máis pequenos, xogos populares e unha exhibición de stunt a cargo de Balles & Pichu. Xa pola noite terá lugar unha ruta en homenaxe aos motoristas falecidos, seguida dunha cea para os inscritos e dunha festa amenizada polo DJ Koki.

A actividade continuará o domingo 23 de agosto coa apertura das inscricións e unha nova ruta, nesta ocasión con parada no Castro de Friol, onde tamén se ofrecerá un petisco aos participantes. A sesión vermú dará paso á comida de confraternidade para os inscritos. A programación concluirá co sorteo de agasallos e a entrega de trofeos.

A organización estableceu unha inscrición completa de 50 euros, mentres que a modalidade individual terá un custo de 35 euros. As comidas estarán servidas polo Restaurante Paco.

Ademais das actividades programadas, durante toda a fin de semana haberá concertos, sesións musicais, postos de venda e diferentes propostas de lecer que converterán Rábade nun punto de encontro para centos de afeccionados ao motociclismo e os seus acompañantes.

0.12684297561646