Rábade acollerá un ciclo de charlas para achegar a astronomía á veciñanza con motivo da eclipse total de Sol

LugoXa | TerraChaXa
A primeira sesión celebrarase este venres, ás 20.30 horas, na Casa das Insuas
charlas-eclipse-casa-das-insas
5 Aug 2026

Rábade converterase este mes de agosto nun punto de encontro para as persoas afeccionadas á astronomía coa celebración do ciclo de conferencias "Mirar o ceo desde Rábade", unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural Fillos do Chaira en colaboración coa Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Casa das Insuas. A proposta nace como antesala da eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto, un fenómeno histórico que poderá observarse desde Galicia e que non volverá repetirse ata o ano 2480.

Os organizadores destacan a excepcionalidade deste acontecemento astronómico, lembrando que unha eclipse total de Sol non se producía nestas condicións desde o 30 de agosto de 1905, cando Rábade aínda non se constituíra como concello. Co obxectivo de achegar á cidadanía unha visión científica e divulgativa deste e doutros fenómenos do universo, programouse un ciclo de tres conferencias impartidas por especialistas de recoñecido prestixio nacional e internacional.

A primeira sesión celebrarase este venres, ás 20.30 horas, na Casa das Insuas. O profesor da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Andrade Baliño ofrecerá a charla "Asteroides e meteoritos: o evento de Traspena", na que abordará un dos episodios máis coñecidos relacionados coa caída de meteoritos en Galicia.

A programación continuará o domingo 9 coa conferencia "De los agujeros negros a la teoría del todo", a cargo do físico Roberto Emparan, investigador do ICREA e do Instituto de Ciencias do Cosmos da Universidade de Barcelona, quen achegará ao público algunhas das cuestións máis fascinantes da física moderna.

O ciclo concluirá o martes 11 coa intervención do profesor da Universidade de Santiago José D. Edelstein, que ofrecerá a conferencia "Apología de los eclipses", unha sesión especialmente pensada para comprender mellor o fenómeno que poderá contemplarse ao día seguinte.

Desde a organización sinalan que estas actividades pretenden converterse na mellor preparación posible para vivir unha xornada histórica de observación astronómica, ao tempo que buscan espertar o interese pola ciencia e divulgar, dunha maneira accesible para todos os públicos, os grandes fenómenos do universo. As tres conferencias darán comezo ás 20.30 horas e celebraranse na Casa das Insuas de Rábade.

0.1171760559082