Rábade celebrará o 11 de xullo unha nova edición do Certame de Pintura Rápida

Concello de Rábade vén de convocar unha nova edición do Certame de Pintura Rápida, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio que volverá reunir artistas chegados de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades para plasmar en directo a beleza e os recunchos máis representativos da localidade.
O certame celebrarase o vindeiro sábado 11 de xullo entre as 9.00 e as 17.00 horas e estará aberto á participación de todas as persoas artistas maiores de 18 anos. As inscricións e o selado das teas serán gratuítos e realizaranse o propio día do concurso nas dependencias do Concello, entre as 9.00 e as 10.30 horas.
Nesta edición, o tema proposto será “Estampa de Rábade”, polo que os participantes deberán inspirarse na paisaxe urbana, patrimonial ou natural do municipio. Cada artista poderá escoller libremente tanto a modalidade como o estilo pictórico, achegando o material necesario para a realización da obra.
O concurso repartirá máis de 3.500 euros en premios. O primeiro galardón, patrocinado polo Concello de Rábade, estará dotado con 1.200 euros. O segundo premio, patrocinado por Finsa, ascende a 800 euros, mentres que o terceiro, financiado por Mercontrol Agroalimentaria, contará cunha dotación de 600 euros. O cuarto premio, patrocinado por Sariego, será de 500 euros. Ademais, o xurado concederá tres accésits de 100 euros cada un.
Desde o Concello destacan que esta iniciativa busca fomentar a creación artística e contribuír á difusión do patrimonio local a través da pintura, convertendo durante unha xornada as rúas e espazos públicos de Rábade nun gran estudo ao aire libre.
As persoas interesadas en participar ou obter máis información poden consultar as bases do certame ou contactar coa Área de Cultura e Deporte a través do teléfono 982 390 062, extensión 1, ou do correo electrónico asociocultural@rabade.org.