Rábade clausura o taller de memoria cun acto de entrega de diplomas aos participantes

A alcaldesa de Rábade, Reme González, presidiu este luns o acto de entrega de diplomas ás veciñas e veciños que participaron durante o curso 2025/2026 no taller de memoria organizado polo Concello. A iniciativa, dirixida principalmente ás persoas maiores do municipio, permitiu ao alumnado traballar ao longo dos últimos meses diferentes capacidades cognitivas e compartir un espazo de encontro e socialización.
Durante o acto, a rexedora felicitou ás persoas participantes pola súa implicación e constancia, destacando a importancia deste tipo de actividades para favorecer un envellecemento activo e mellorar a calidade de vida da poboación maior. Desde o Goberno local expresaron a súa satisfacción pola boa acollida do programa e agardan que os asistentes lle sacasen o máximo proveito ás sesións desenvolvidas ao longo do curso.
O taller de memoria forma parte da oferta de actividades que o Concello de Rábade promove cada ano co obxectivo de estimular as capacidades mentais, reforzar a atención, a concentración e a memoria, ademais de fomentar as relacións sociais entre os participantes. A través de exercicios prácticos, dinámicas grupais e actividades de estimulación cognitiva, os asistentes puideron traballar diferentes habilidades nun ambiente participativo e adaptado ás súas necesidades.
O Concello ofreceu esta actividade de forma gratuíta. Coa chegada do outono iniciouse unha nova edición do taller de memoria, que se desenvolveu os luns pola tarde no Centro Sociocultural en dúas quendas, ás 16.30 e ás 17.45 horas.
A programación municipal para maiores incluíu tamén un taller de teatro, que se impartiu os luns en horario de mañá, de 11.00 a 13.00 horas, tamén no Centro Sociocultural. Esta actividade busca potenciar a expresión oral e corporal, estimular a creatividade, fortalecer a autoestima e favorecer a participación social a través das artes escénicas.