Rábade conmemora o 25N cun acto de homenaxe ás vítimas da violencia machista e unha representación teatral

O Concello de Rábade celebrará o mércores 25 de novembro o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha programación especial baixo o lema 25N. Rábade en negro, co obxectivo de visibilizar a violencia machista, lembrar as vítimas e reivindicar unha sociedade libre de violencia de xénero.
A xornada comezará ás 11.30 horas na Praza 28 de Maio cun acto de homenaxe ás vítimas. Durante o encontro darase lectura ao manifesto contra a violencia de xénero e realizarase unha lembranza ás vítimas mortais da violencia machista. No caso de choiva, a actividade trasladarase ao centro sociocultural.
A programación continuará ás 12.00 horas cunha representación teatral de Golpes, un espectáculo contra a violencia machista interpretado por Estíbaliz Veiga e dirixido ao público xuvenil e adulto. A proposta pretende achegar esta problemática á cidadanía a través das artes escénicas e contribuír á sensibilización, especialmente entre a mocidade.
A actividade está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.
A xornada rematará ás 13.10 horas co peche dos actos no centro sociocultural. Con esta iniciativa, Rábade súmase á conmemoración do 25N e reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa loita contra todas as formas de violencia machista.