Rábade contará cun amplo programa de actividades infantís nos meses de verán

TerraChaXa | LugoXa

No marco do Programa Corresponsabilidade e co obxectivo de favorecer a conciliación das familias, o Goberno local do Concello de Rábade da a coñecer o programa Rapatiando 2024 co que enche de actividades infantís os meses de xuño, xullo e agosto.

19 abr 2024

No marco do Programa Corresponsabilidade e co obxectivo de favorecer a conciliación das familias, o Goberno local do Concello de Rábade da a coñecer o programa Rapatiando 2024 co que enche de actividades infantís os meses de xuño, xullo e agosto. As actividades contan co financiamento da Xunta de Galicia.

A programación deseñada polo Goberno local dará comezo en xuño cun Campus de Patinaxe, que se vai desenvolver na localidade os días 24, 25, 26, 27 e 28 de xuño en horario de 09:00 a 14:00 horas destinado a nenos e nenas de 4 a 16 anos. O prezo é de 30 euros.

Do 8 ao 12 de xullo será a quenda do Campamento de verán, ao que poden anotarse nenos e nenas de 8 a 12 anos. O seu horario será de 10:00 a 20:00 horas. O prezo é de 40 euros.

Do 1 ao 12 de xullo levarase a cabo o Campamento Urbano para nenos e nenas de 4 a 12 anos en horario de 09:00 a 14:00 horas. O prezo é de 30 euros.

Os luns e mércores do 1 de xullo ao 14 de agosto ponse en marcha a actividade gratuíta ‘Coñecendo o Miño’ para nenos e nenas de 8 a 16 anos en horario de 11:30 a 13:00 horas.

Por último, o alumnado da ESO e 1º de BAC pode participar no Campamento Viveiro que terá lugar na Mariña Lucense os días 2, 3, 4 e 5 de xullo. O prezo é de 80 euros.

Os prezos das actividades son para os empadroados ou que cursen estudos nos centros educativos de Rábade. Para os demais, cada actividade terá un incremento de dez euros.

Inscricións

As inscricións para estas actividades darán comezo o 2 de maio na Área de Cultura e Deporte en horario de 09:00 a 14:00 horas. As prazas son limitadas. Pódese obter máis información no número de teléfono 982 39 62 (EXT.2).

A alcaldesa, Reme González, asegura que esta ampla programación estival pretende “axudar aos pais e nais na conciliación da vida laboral e familiar ao tempo que ofrece propostas moi variadas e interesantes para os nenos e nenas”.