Rábade culmina a renovación da sinalización viaria en varias rúas do casco urbano

LugoXa | TerraChaXa
Nas próximas semanas comezarán tamén os traballos de mellora do Centro de Interpretación da Casa das Insuas e a reforma da antiga Praza de Abastos
mellora-sinaliacion-viaria-rabade
27 Aug 2026

A renovación e mellora da sinalización viaria de Rábade xa está rematada, cunha actuación que permitiu renovar tanto a sinalización horizontal como a vertical en diferentes rúas do casco urbano da localidade.

Os traballos, promovidos pola Xunta de Galicia, deron continuidade ao proceso de reordenación do tráfico iniciado polo Concello o pasado ano na contorna do Campo da Feira. A actuación permitiu mellorar a sinalización das vías e reforzar a organización da circulación no centro urbano.

Entre as rúas nas que se actuou figuran Músico Crisanto, Médico José Penas, Rosalía de Castro, Circunvalación, Fernando Arias, Gabriela Nieto, Alcalde Ángel Penas, Lope de Vega, Alcalde Jesús Arias, Miguel de Cervantes, Santa María, San Vicente, así como as avenidas de Vilalba e dos Remedios e a praza de Castelao e a praza de España.

A intervención forma parte dun proxecto máis amplo de mellora de espazos públicos de Rábade, financiado pola Consellería do Medio Rural cunha achega de 100.000 euros a través da liña de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos nas zonas rurais.

Nas próximas semanas comezarán tamén os traballos de mellora do Centro de Interpretación da Casa das Insuas e a reforma da antiga Praza de Abastos, que completan o proxecto apoiado polo Goberno galego.

0.14314603805542