Rábade organiza unhas xornadas formativas para achegar as TIC ás persoas maiores

LugoXa | TerraChaXa
As sesións desenvolveranse os xoves 7, 14, 21 e 28 de maio no Centro Social, en horario de 10:00 a 12:30 horas
movil persoa maior
29 Apr 2026

O Concello de Rábade, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia e a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, impulsará durante o mes de maio unhas xornadas formativas dirixidas ás persoas maiores co obxectivo de facilitar o acceso e o manexo das tecnoloxías da información e da comunicación.

As sesións desenvolveranse os xoves 7, 14, 21 e 28 de maio no Centro Social de Rábade, en horario de 10:00 a 12:30 horas. A iniciativa busca ofrecer ferramentas prácticas para que as persoas participantes poidan desenvolverse con maior autonomía no uso das novas tecnoloxías e na realización de trámites cotiáns.

Entre os contidos que se abordarán destacan o uso do caixeiro automático, o manexo do teléfono móbil ou smartphone, a utilización da aplicación móbil do Sergas e da Chave 365, así como o funcionamento das máquinas de quendas e outros trámites administrativos habituais.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición nos Servizos Sociais do Concello de Rábade ou a través do teléfono habilitado pola organización. A actividade enmárcase nun programa orientado a reducir a fenda dixital entre a poboación maior e fomentar a súa autonomía no acceso aos servizos dixitais.

0.12545204162598