Rábade prepara unha intensa semana de festas de verán con música, deporte, tradición e actividades para todas as idades

Rábade vivirá do 10 ao 16 de agosto unha nova edición das súas festas de verán cun amplo programa de actividades pensado para todos os públicos. A Asociación San Vicenzo 2026, coa colaboración do Concello de Rábade e doutras entidades, deseñou unha programación que combina tradición, cultura, deporte, música e lecer, convertendo a vila nun punto de encontro durante toda a semana festiva.
As celebracións comezarán o luns 10 de agosto coa posta en marcha das actividades deportivas no Campo da Feira, que servirán como antesala dunha semana cargada de propostas.
O mércores 12 de agosto estará marcado polo eclipse solar. O Centro Sociocultural acollerá ao mediodía unha charla titulada O eclipse total desde Rábade, impartida pola meteoróloga da AEMET Estella Gutiérrez Marco. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, está prevista unha concentración no campo de fútbol para seguir o fenómeno astronómico, onde se repartirán gafas especiais para a súa observación.
O xoves 13 de agosto chegará o pregón oficial das festas, que correrá a cargo do atleta Javier Ángel Vázquez Orejas, recentemente recoñecido por completar o circuíto das World Marathon Majors. A xornada incluirá tamén o estoupido de bombas de palenque e a celebración do XXV Rabafolk no Campo da Feira, coa participación dos grupos Mestura de Nete, Breo, Airiños da Freba e Eris Mackenzie. Ademais, celebrarase a décimo novena edición do Tour da Cervexa.
O venres 14 de agosto celebrarase o festivo local cunha sesión vermú amenizada pola orquestra Nueva Fuerza e a actuación da Banda Sons e Soños. O programa inclúe tamén os tradicionais xantares campestres nas beiras do río Miño, a XXIV Esbatuxada, consistente no descenso do río en embarcacións de fabricación caseira, e a actuación da Banda Xuvenil da Escola Municipal de Música. Pola noite será a quenda do concerto da banda de pop-rock IV e dunha gran verbena con Nueva Fuerza e a orquestra Royal Espectáculo.
A programación continuará o sábado 15 de agosto coa música da Charanga Ramboleo polas rúas da vila e a misa solemne na honra da patroa. A sesión vermú estará amenizada pola orquestra La Noria e durante a tarde celebrarase unha quedada para o intercambio de cromos do Mundial 2026 na Praza de España, ademais da trixésima edición do Día da Bicicleta. Os participantes poderán gozar posteriormente dunha chocolatada con churros. A noite estará marcada pola XX Descarga Pirotécnica da Peña O Foguete, a verbena coa orquestra La Noria, os fogos artificiais e a actuación internacional de Monterrojo.
O domingo 16 de agosto porá o broche final ás festas. Desde primeira hora da mañá o grupo Axeigo percorrerá distintos puntos da localidade, antes da misa solemne na honra de Nosa Señora. A sesión vermú prolongarase ata a tarde coa música de Fortunato e DJ Casanova e cun pequeno petisco organizado pola comisión. Durante a tarde haberá un sorteo con agasallos para os máis novos e unha gran festa infantil. A música continuará con DJ Francis e, xa pola noite, a Praza de España converterase no escenario da representación teatral Niquí Ñaque, protagonizada por Dani Lago e Ángel Blanco.
Con esta programación, Rábade volverá apostar por unhas festas que combinan tradición e modernidade, cunha oferta variada que inclúe actividades culturais, concertos, espectáculos, propostas deportivas e actos relixiosos, consolidándose como unha das citas festivas máis destacadas do verán na comarca.