Rábade reparte lentes homologadas para que a veciñanza poida vivir con seguridade a eclipse solar do 12 de agosto

A preparación para a histórica eclipse solar do vindeiro 12 de agosto continúa en Rábade. O Concello iniciou o reparto gratuíto de lentes homologadas para que a veciñanza poida seguir o fenómeno con todas as garantías de seguridade.
As lentes poden recollerse na Área de Cultura e Deporte, cun máximo de dúas unidades por familia e ata esgotar as existencias. A iniciativa busca facilitar que o maior número posible de persoas poidan contemplar o eclipse sen poñer en risco a súa saúde visual.
Desde o Concello lembran que só deben empregarse lentes específicas para eclipses, homologadas segundo a normativa vixente, e insisten en que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen protección. Tamén desaconsellan utilizar cámaras, prismáticos ou telescopios sen filtros solares adecuados, xa que poden provocar lesións oculares graves.
A campaña enmárcase no dispositivo posto en marcha por distintas administracións galegas para preparar a cidadanía ante este acontecemento astronómico. A Deputación de Lugo distribuíu este verán máis de 35.000 lentes homologadas e 45.000 folletos informativos entre os concellos da provincia, coa finalidade de promover unha observación segura e dar a coñecer as características da eclipse.
Galicia será un dos mellores lugares da Península para seguir este fenómeno, que atraerá miles de persoas a diferentes puntos da comunidade. A expectativa xerada arredor da eclipse provocou que numerosos concellos impulsen actividades divulgativas e campañas informativas para fomentar unha observación responsable.