Raíces do Vento convoca unha ruta micolóxica pola Carballosa

LugoXa | TerraChaXa
A actividade comezará ás 10:30 horas e rematará arredor das 14:00 horas do domingo 11 de outubro
roteiro-micoloxico-pola-carballosa
5 Oct 2026

A asociación Raíces do Vento convoca o vindeiro domingo 11 de outubro unha ruta micolóxica pola Carballosa, unha carballeira de arredor de 70 hectáreas que se conserva practicamente sen alteración humana e que constitúe un dos espazos naturais máis valiosos da contorna.

A actividade comezará ás 10:30 horas e rematará arredor das 14:00 horas. Durante o percorrido, as persoas participantes poderán descubrir a diversidade de fungos deste bosque autóctono e colaborarán na elaboración dun catálogo micolóxico da carballeira, co obxectivo de que a xornada teña un carácter divulgativo e científico e sirva para ampliar o coñecemento sobre este ecosistema.

Desde a organización recoméndase levar roupa e calzado axeitados para camiñar polo monte, así como auga, comida e algo para petiscar. Ao tratarse dunha zona de alta sensibilidade ambiental, pídese a todas as persoas asistentes que respecten as normas básicas que merecen este tipo de lugares: non saír dos camiños, non deixar residuos e non alterar a vexetación nin a fauna.

Se as condicións meteorolóxicas acompañan, ao remate da ruta os membros da asociación compartirán un xantar no que cada persoa achegará o seu avituallamento. Xa pola tarde, e fóra do programa da actividade, visitarán as zonas próximas máis afectadas polas instalacións dos parques eólicos, para comprobar sobre o terreo o impacto que estas infraestruturas están a ter no territorio.

A actividade será de balde para as persoas socias, mentres que para as non socias terá un prezo simbólico de 2 euros. Para máis información e inscricións: raicesdovento@gmail.com.

0.15356492996216