Raíces do Vento organiza unha actividade de iniciación á observación de aves nas lagoas de Caque e Cospeito

A asociación Raíces do Vento organiza o vindeiro domingo, 29 de novembro, unha actividade de iniciación á observación de aves nas lagoas de Caque e Cospeito, co obxectivo de achegar ás persoas participantes á riqueza natural da Terra Chá e darlles a coñecer as especies que habitan nestes espazos.
A xornada contará coa colaboración de Óscar Rivas López, experto en ornitoloxía, que acompañará o grupo e ofrecerá explicacións sobre a identificación das aves, os seus hábitats e as técnicas básicas para observalas. A actividade está pensada para persoas sen experiencia previa, polo que non é necesario ter coñecementos anteriores nesta materia.
O programa comezará ás 9.30 horas co encontro na lagoa de Caque, onde terá lugar a recepción e presentación da actividade. Entre as 10.00 e as 11.30 horas desenvolverase unha primeira sesión de observación, na que se abordará o uso de prismáticos e telescopios, as claves para identificar diferentes especies e o valor ecolóxico das zonas húmidas.
Posteriormente, entre as 12.00 e as 14.30 horas, a actividade trasladarase á lagoa de Cospeito, onde continuará a práctica de observación e se afondará no coñecemento das especies, dos seus hábitats e da importancia de conservar estes espazos naturais. A xornada rematará cunha posta en común e a despedida das persoas participantes.
A proposta é gratuíta e está dirixida exclusivamente ás persoas socias da entidade e aos menores ao seu cargo, que deberán acudir acompañados segundo as condicións de participación. Hai un total de 20 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Cada participante, incluídos os menores, ocupará unha praza.
As inscricións deberán realizarse a través do formulario dispoñible na páxina web de Raíces do Vento. Unha vez completado o aforo, as persoas interesadas poderán solicitar a súa inclusión nunha lista de agarda, sen que iso supoña a confirmación dunha praza. A organización contactará con elas no caso de que se produzan vacantes.
Os desprazamentos ata as lagoas e entre ambos os espazos realizaranse en vehículos particulares, polo que a asociación anima a compartir coche sempre que sexa posible. Recoméndase levar calzado impermeable, roupa de abrigo e protección fronte á chuvia, así como prismáticos, se se dispón deles, auga e algún petisco para a mañá.
Desde a organización tamén aconsellan non acudir con animais de compañía para evitar molestias ás aves e lembran a importancia de respectar as distancias e evitar ruídos durante as observacións. A actividade poderá modificarse ou suspenderse en caso de meteoroloxía adversa ou por motivos de seguridade.
As persoas que finalmente non poidan asistir deberán comunicalo canto antes a través do correo electrónico raicesdovento@gmail.com, para que outra persoa da lista de agarda poida aproveitar a praza.