Ramón dos Marios

TerraChaXa
Por Lucía Otero Gato Este 21 de abril, Domingo de Pascua, falecía Ramón Paz Guntín (1938-2019), coñecido por rexentar na Rúa da Pravia, en Vilalba, un negocio que no século pasado foi dos máis prósperos da comarca, A Casa dos Marios.
Lucía Otero Gato
16 Maio 2019

Por Lucía Otero Gato

Este 21 de abril, Domingo de Pascua, falecía Ramón Paz Guntín (1938-2019), coñecido por rexentar na Rúa da Pravia, en Vilalba, un negocio que no século pasado foi dos máis prósperos da comarca, A Casa dos Marios. As portas desta emblemática tenda seguiron abertas ata poucos días antes da súa morte, porque se algo lle gustaba a Don Ramón era atender diariamente o establecemento e, sobre todo, charlar tranquilamente cos clientes. Entre queixos, chourizos, rosquillas, licores, velas, paraugas e souvenirs falaba animosamente da mili, da política, da familia e da vida en xeral. Tiña un gran sentido do humor e unhas ganas terribles de facer cousas. Amigo da miña familia desde fai moitos anos, sempre me recibiu cos brazos abertos no seu comercio.

A primeira vez que tiven un exemplar do terracháxa na man foi precisamente alí, na súa tenda. Recordo que me ensinou o xornal e díxome: “conoces este periódico? Lévao e lelo”. Por aquela época el escribía para o terracháxa unha graciosa colaboración titulada “A Valla ao servizo do Pobo e a beirarrúa”. Segundo el me contou en varias ocasións, o obxecto que o inspirara para escribir esta serie de artigos era unha valla que a Policía Local empregaba para cortar o tráfico os días de Feira e o resto do mes permanecía arrimada á beirarrúa da súa tenda. Evoquemos a divertida colaboración, rescatando un extracto publicado na edición de xaneiro de 2017: ‘Por iso, a valla ao servizo do Pobo di que non hai mal que por ben non veña. E o que sexa, soará. Porque nunca choveu que non escampara. E “hai que bailar segundo toquen”’ (terracháxa nº 157).

Despois de “A Valla ao servizo do Pobo e a beirarrúa” comezou a redactar tamén para o terracháxa un conxunto de artigos agrupados baixo a sección de “O libro do Xosé. Memorias populares”, colaboración que lle facía especialmente ilusión porque consideraba que ilustraba aos lectores. Nesta sección tomaba como pretexto un mestre do século XVII, o Xosé, para tratar diversos temas da actualidade. Se hoxe eu estou escribindo neste xornal é grazas a Don Ramón.

A morte colleuno por sorpresa, como pasa na maioría dos casos. El comentaba, entre anécdotas, que ía durar moitos anos, que manter unha actitude positiva era psicoloxicamente esencial para vivir con alegría. Sen dúbida, non lle faltaba razón, pero xa sabemos que o home propón e Deus dispón, e que todo ten solución menos a morte, que esta non se esquece de ninguén. Transmito o meu sincero pésame á súa viúva Charo, aos seus fillos, Moncho e Mario, e aos seus netos, dos que sempre me falaba e dos que estaba moi orgulloso. Descanse en Paz.

0.2051739692688