Reabre o prazo para solicitar a admisión nos centros de ensino secundario

TerraChaXa
Ata o luns 18 de maio, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional reabre o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2020/21, para aquelas familias interesadas que non puideron presentala durante o período ordinario (do 1 ao 20 de marzo pasado), ao verse suspendido o prazo pola declaración do estado de alarma o 14 de marzo.
image_gallery
12 Maio 2020

Ata o luns 18 de maio, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional reabre o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2020/21, para aquelas familias interesadas que non puideron presentala durante o período ordinario (do 1 ao 20 de marzo pasado), ao verse suspendido o prazo pola declaración do estado de alarma o 14 de marzo.

Cómpre lembrar que este período de admisión vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aquel alumnado de Educación Infantil, de Educación Primaria, de ESO e de Bacharelato que desexa cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles.

Deste xeito, e tal e como se pode consultar Portal Educativo, o prazo de presentación de solicitudes de admisión reanúdase mañá día 11, e remata o 18 de maio, ambos incluídos. Ademais axústanse distintas fases do proceso para procurar a súa tramitación coa maior brevidade. Así, as listaxes provisionais do alumnado admitido e excluído publicaranse ata o 9 de xuño e as definitivas ata o 26 de xuño. O prazo ordinario de formalización de matrícula para todas as ensinanzas irá do 1 ao 10 de xullo e o extraordinario, para Secundaria e Bacharelato, do 1 ao 10 de setembro.

As solicitudes de admisión poderán presentarse, preferentemente, de xeito telemático na aplicación ‘admisionalumnado’ (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado), que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala por vía electrónica a través da propia aplicación, ou de maneira presencial no centro. Ademais, deste modo, poden consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

As solicitudes tamén se poden presentar de xeito presencial nos centros escolares nos mesmos prazos (do 11 ao 18 de maio). Precisamente para atender o proceso de admisión presencial, na súa última reunión desta semana, o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordou modificar o horario de presenza dos equipos directivos nos centros educativos. Deste xeito, no caso dos centros de seis ou máis unidades, deberá estar cando menos un membro do equipo directivo, diariamente, no horario habitual do centro; e nos de menos de seis unidades deberá estar o director ou docente responsable os días precisos para a realización dos trámites. O persoal administrativo deberá estar tamén nos centros o tempo que considere preciso a dirección para atender todos os trámites derivados deste proceso e doutros procedementos.

0.084326982498169