Recollen doazóns de sangue en Vilalba o venres e o sábado

A unidade móbil de doazón de sangue estará este venres 19 e o sábado 20 de xuño no concello de Vilalba para recoller as doazóns dos veciños que así o desexen maiores de 18 anos e con máis de 50 quilos de peso.
A unidade móbil da ADOS estará estacionada na Praza da Alameda, ao carón do palco da Praza da Constitución, en horario das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas. O segundo día o horario será de 10.00 a 15.00 horas.
O servizo lembra que para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar dúas horas. Hai que presentar DNI ou documento similar ou no seu caso tarxeta de doante.
Aproveitando a visita, Vilalba acollerá a campaña de verán Un alento de vid que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). O obxectivo desta iniciativa pasa por obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue ata finais de agosto e fomentar a participación da cidadanía. Para iso, as unidades móbiles da Axencia visitarán máis de 170 concellos galegos para facilitar o acceso a este xesto solidario.
A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.
A campaña “Un alento de vida” lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
As persoas que participen na campaña de verán recibirán un agasallo como unha almofada ou un balón de praia pola súa participación e, nesta ocasión, ao carón da unidade móbil instalarase un espazo que simula unha típica terraza de verán. Os doantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía e, deste xeito, simbolizar ese aire que supón para moitos doentes recibir unha transfusión de compoñentes sanguíneos.
Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.
A Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Vilalba que doan sangue. Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, este municipio lucense acadou, con 490 doazóns, unha taxa de 35 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice lixeiramente por baixo da media de Galicia (39/1.000), polo que o obxectivo pasa por tentar incrementar a participación dos veciños e veciñas de Vilalba para que acaden o índice galego.