Regresa a Meira o 3 de maio a ruta de sendeirismo Miño-Eo

Arranca maio en Meira coa celebración da Ruta de Sendeirismo Miño-Eo, que este ano celebrarase este domingo 3.
Unha vez máis poderase elixir entre catro distancias diferentes, adaptándose así ás preferencias de cada camiñante. A ruta completa mantén o mesmo percorrido para todas as opcións, pero o punto de finalización dependerá da distancia escollida. A saída será diante da igrexa e o final en Meira, xunto ao Cabanón do Convento, onde se celebrará un xantar.
A primeira distancia, de 14 km, leva ata o Estreito. Neste punto haberá un avituallamento e vehículos dispoñibles para trasladar ás persoas participantes de volta a Meira.
A segunda distancia, de 21 km, segue o mesmo percorrido ata o Estreito, pero os participantes regresarán a Meira refacendo o camiño do Pedregal.
A terceira distancia, de 20 km, percorre a mesma ruta polo Piñeiro, finalizando no Estreito, onde tamén haberá transporte dispoñible para a volta.
A cuarta distancia, a máis longa con 27 km, segue o mesmo itinerario da terceira opción, pero regresando a Meira.
Para maior comodidade, os camiñantes poderán facer uso das duchas e vestiarios do Pavillón Polideportivo, polo que se recomenda traer roupa de recambio. A saída será ás 8:00 h e o xantar será ás 15:00 h.
A organización manterá os puntos de almorzo en Espido (9 kms) e avituallamento no Piñeiro e no Estreito, así como o acompañamento de Protección Civil durante todo o percorrido.