Regresa a Outeiro de Rei Galicia WordPress Day, que reunirá á comunidade galega

LugoXa | TerraChaXa
A xornada terá lugar o sábado 29 de agosto no Club de Campo e Tiro de Bonxe, cun programa que combina tecnoloxía, intercambio de experiencias e actividades abertas
galicia-wordpress-day-outeiro-de-rei
20 Aug 2026

A comunidade WordPress de Lugo celebrará o sábado 29 de agosto a terceira edición do Galicia WordPress Day, unha xornada que reunirá en Outeiro de Rei a profesionais, persoas usuarias e interesadas no mundo da web e da tecnoloxía.

O encontro comezará ás 12.00 horas no Club de Campo e Tiro de Bonxe e nace coa vontade de ofrecer un espazo diferente para compartir coñecemento, descubrir proxectos desenvolvidos en Galicia, resolver dúbidas e crear novos contactos entre persoas que traballan ou teñen interese no ámbito dixital.

O programa incluirá unha presentación aberta de proxectos, unha actividade arredor de WordPress e a intelixencia artificial, espazos de networking e xogos relacionados coa plataforma, entre eles un escape room. A xornada completarase cunha visita ao Club de Campo de Bonxe e un xantar compartido entre as persoas asistentes.

O Galicia WordPress Day pretende afastarse do formato tradicional de congreso tecnolóxico e favorecer un encontro próximo e participativo. Non é necesario ser profesional nin ter coñecementos avanzados de WordPress para asistir: a convocatoria está aberta tamén a persoas con proxectos web, negocios, asociacións ou simplemente curiosidade polo mundo de Internet.

Esta será a terceira edición dunha iniciativa impulsada pola comunidade WordPress de Lugo, coa colaboración de LucusHost e o Club de Campo de Bonxe.

A participación é aberta e de balde e a organización recomenda anotarse previamente para facilitar a planificación da xornada. A inscrición pode realizarse a través do grupo Meetup de WordPress Lugo, do seu grupo de Telegram ou escribindo a info@wplugo.eu.

0.1173460483551