Regresa este sábado ás Pontes a Romería das Merendas

O Concello das Pontes celebrará este sábado, 13 de xuño, unha nova edición da Romaría das Merendas, unha das citas máis singulares do calendario festivo local, que volverá transformar a Fraga de Dona Rita nun gran espazo de encontro arredor da música tradicional, o baile, a gastronomía popular e a convivencia veciñal.
Baixo o lema “Velai vai outro baile”, o evento recupera o espírito das antigas romarías galegas cunha programación pensada para desfrutar durante toda a xornada e na que se anima ás persoas asistentes a acudir con indumentaria inspirada nos anos 50, contribuíndo así a recrear o ambiente festivo e tradicional da época.
A programación arrancará ás 13:00 horas cunha exposición de coches antigos e coa sesión vermú, na que participarán a Escola Municipal das Pontes, No Cómbaro da Casa e Troula do Ortegal, enchendo a fraga de música tradicional e ambiente festivo desde o mediodía. Ás 15:00 horas abriranse as tradicionais merendas populares á veciñanza, romeiros e romeiras. Desde a organización lémbrase que non haberá postos de comida nin bebida, polo que cada grupo deberá levar o seu propio xantar, mantas, mesas, cadeiras e cestas para compartir a comida ao aire libre nun ambiente familiar e de convivencia.
A partir das 16:00 horas desenvolveranse xogos populares para a rapazada da man de Picariños e, media hora despois, celebrarase un obradoiro de iniciación ao baile tradicional aberto a todos os públicos, pensado para achegar o folclore galego ás novas xeracións dun xeito participativo e divertido. Tamén ás 16.00 horas inclúese como novidade unha quedada laneira convocada polo colectivo Puntadas con Agarimo.
Entre as 18:00 e as 23:00 horas terá lugar a Foliada Estelar, un dos momentos centrais da xornada, que contará cun concurso de agarrados e coa participación de agrupacións chegadas de diferentes puntos de Galicia e doutros territorios. Nesta edición actuarán Aquí e Alá, de Outes e Lousame; Trio Prata, de Ames e Teo; Os Charanghaitos, de Forcarei; As Ferriñas, do Vicedo; Os da Cochera, de Vigo; Gamelas e Anduriñas, de Espasante; e The Westering Sun, formación vinculada a Escocia e Galiza.
A Romaría das Merendas está organizada polo Concello das Pontes coa colaboración do grupo local de musica tradicional No Cómbaro e enmárcase na aposta municipal pola promoción da cultura tradicional, a dinamización comunitaria e a recuperación de celebracións populares vinculadas á identidade cultural galega.