Regresa o cine neurodiverso ás salas das Pontes

TerraChaXa
A cita está prevista a penúltima fin de semana deste mes de novembro
sesion-de-cine-neurodiverso
11 Nov 2024

O cine adaptado para público neurodiverso regresará ao Concello das Pontes a penúltima fin de semana de novembro.

Trátase dunha iniciativa posta en marcha, a través da Concellería de Cultura, en febreiro de 2024, a través da que o Concello das Pontes lle ofrece ao público neurodiverso da vila e as súas familias a posibilidade de gozar de cine de estrea proporcionándolles un ambiente sensorialmente amable e cómodo.

Lorena Tenreiro, responsable desta iniciativa, apunta que “durante a pasada tempada adaptamos tres títulos cinematográficos e foron preto de 300 persoas as persoas que se achegaron ata a Casa Dopeso a gozar desta proposta. Ante a boa acollida desta iniciativa, desde o Concello das Pontes, apostamos por continuar promovendo o ocio inclusivo na nosa vila, con especial atención ás persoas con trastorno do espectro autista para que poidan gozar xunto coas súas familias dunha das actividades culturais que conta con maior aceptación entre o público pontés”.

Así, ao longo da tempada de cine, a última semana de cada mes, haberá unha sesión adaptada de cine na que sempre haberá unha luz ambiente e a sala non quedará completamente ás escuras; o volume do son será suave, sen ruídos fortes nin estridencias; nas que está permitido levantarse das butacas e non hai trailers nin anuncios antes da película.

A responsable de Cultura do Concello das Pontes recalca que “neste tipo de sesións cambian un pouco as regras do cine tal e como o entendemos; o público que asista a estas sesións poderá levantarse, rir, falar en voz alta e mesmo saír da sala cando o precise… o que buscamos é que todo o público goce e que o cine sexa un espazo seguro para as persoas neurodiversas e para as súas familias” e lembra que se tratan de sesións non exclusivas polo que calquera persoa que desexe compartir en familia unha tarde de cinema pode acudir a esas proxeccións.

A sesión celebrarase o sábado, 23 de novembro , ás 17:00 horas proxectarase a película Rescate en África, una película de huevos; unha historia emotiva e á vez divertida que nos mostra a valentía duns pais que, a pesar do seu aparente pequenez, son capaces de cruzar o mundo enteiro para rescatar aos seus fillos.

As familias que desexen asistir a esta sesión poden descargar o material visual de anticipación en https://ventea.es/cartelera e coñecer polo miúdo o percorrido para acceder á sala. A entradas están á venda en https://aspontes.sacatuentrada.es e poderán adquirirse media hora antes da sesión na taquilla da Casa Dopeso.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17903685569763