Regresa o tradicional concurso de tapas Saborea As Pontes

TerraChaXa
O concurso de tapas, Saborea As Pontes, regresa esta semana tras dous anos sen celebrarse debido á pandemia da Covid19.
saborea as pontes
1 Nov 2022

O concurso de tapas, “Saborea As Pontes”, organizado polo Concello das Pontes en colaboración coa Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes (Cohempo) regresa esta semana tras dous anos sen celebrarse debido á pandemia da Covid19.

Nesta ocasión serán 12 os establecementos hostaleiros que participarán nesta cita, consolidada no calendario de actividades propostas desde a Concellería de Turismo, Hostalería, Comercio e Consumo para dinamizar e promover un dos sectores xeradores de preto dun centenar de postos de traballo no municipio.

Elena López, concelleira da área, subliña a importancia de recuperar a celebración do concurso de tapas “que contribúe á promoción turística das Pontes, sendo unha oportunidade para dar a coñecer o traballo do sector hostaleiro da vila a través de diferentes creacións culinarias nas que non faltan os produtos de referencia da na nosa vila, procedentes do noso sector primario”.

Este ano, ao igual que na última ocasión, o certame celebrarase durante dúas semanas consecutivas, de xoves a domingo, podendo degustar as tapas a partir do xoves, 3 de novembro e ata o día 13 de novembro

As tapas serviranse os xoves, de 19.30 a 23.00 horas e os venres, sábados e domingos ampliarase o horario para ofrecer tamén as degustacións en horario matutino, de 12.00 a 15.00 horas e durante as tardes de 19.30 a 23.00 hora. O prezo das tapas será de 2,50 euros.

Ao igual que nas edicións anteriores, Saborea As Pontes repartirá dous premios entre todas as tapas do concurso. Unha Comisión de Valoración Oficial será a encargada de elixir a “mellor tapa pontesa 2022” mentres que o xurado popular, a través do seu voto, escollerá a “tapa pontesa máis valorada polo público”.

Ademais, repartiranse 9 premios, de 200 euros cada uno, entre todas aquelas persoas que cubran os boletos do concurso de tapas con oito selos de diferentes locais.

A concelleira invita á veciñanza e visitantes a participar neste certame, a degustar as tapas, a saír á rúa e a gozar desta nova edición e tratar de superar a cifra das 28.957 tapas servidas durante a edición do ano 2019 para, deste xeito, seguir contribuíndo de forma activa e en primeira persoa á boa marcha dun dos sectores económicos esenciais na nosa vila.

0.18930006027222