'Regueifando con pracer' consegue dobre premio no Festival de Cine de Roca

GaliciaXa | TerraChaXa
No apartado reservado ás propostas chegadas desde fóra de Galicia, o público escolleu Habeas Pinho, dos brasileiros Nathan Cirino e Aluizio Gimaraes
entrega-premio-regueifando-con-pracer
Imaxes de Manuel Espiñeira
21 Sep 2026

O XIII Festival de Cine de Roca, celebrado en Guitiriz, pechou a súa edición con Regueifando con pracer como unha das grandes protagonistas. O curtametraxe dirixido por Cora Peña conseguiu tanto o Premio do Público, acompañado de 100 euros e trofeo, como o Premio Deleite concedido polo xurado, dotado con 400 euros.

A obra gañadora pon o foco na regueifa e nas experiencias dun grupo de mulleres novas, achegándose a cuestións relacionadas coa sexualidade e á maneira na que a intimidade se entrelaza coa vida en comunidade.

No apartado reservado ás propostas chegadas desde fóra de Galicia, o público escolleu Habeas Pinho, dos brasileiros Nathan Cirino e Aluizio Gimaraes. O filme, baseado en feitos reais, traslada a historia ata a década dos anos cincuenta en Paraíba. Os premios do público, cunha dotación de 100 euros en cada categoría, foron doados pola comunidade de montes de Roca.

O xurado, pola súa banda, recoñeceu con outro Premio Deleite Hauspoa & Tunela, de Iñaki Pinedo e Gorka Hermosa, procedentes de Euskadi. O traballo percorre a historia da trikitixa de Zumárraga e a evolución deste instrumento a partir das achegas de máis de vinte representantes do mundo da música e da cultura.

A gala de entrega dos premios serviu como peche a catro días de programación organizados por Xermolos, nos que o cinema compartiu protagonismo con concertos, coloquios e outras propostas culturais.

Entre as actividades da xornada principal estivo unha andaina pola Ruta da Auga, acompañada polas explicacións da botánica Cristina Rodríguez, o ornitólogo Lois Santos e o técnico forestal Xosé Manuel Veiga. Tamén houbo xogos tradicionais con Xotramu e actuacións de Semieira e Zeltia Irevire.

O pregón correu a cargo da actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, que reivindicou o papel deste tipo de iniciativas na conservación e difusión da cultura audiovisual galega. Durante a súa intervención, destacou a necesidade de que o cinema e a música manteñan o vínculo co público e coa sociedade, máis alá dos grandes eventos e das alfombras vermellas.

0.15703392028809