Rema realizará este venres en Friol un Mercado de Segunda Vida

LugoXa | TerraChaXa
O evento terá lugar no Centro Colaborativo, en horario de 11:00 a 19:00 horas
mercado-segunda-vida-friol
19 Dec 2024

Friol acollerá este venres, 20 de decembro, a quinta edición do Mercado Segunda Vida, unha iniciativa organizada polo proxecto Reanima o Medio Ambiente (REMA). O evento terá lugar no Centro Colaborativo de Friol, en horario de 11:00 a 19:00 horas.

Baixo o lema Fai da segunda man a túa primeira elección, esta feira promove a reutilización de obxectos, dándolles unha nova vida e fomentando o consumo responsable.

As persoas interesadas poden deixar obxectos que non precisen pero que estean en bo estado ata o 19 de decembro na tenda Asulivo. Entre os artigos que se poden achegar destacan libros, películas e discos; roupa, zapatos, bolsos e accesorios; xoguetes, utensilios de cociña e material de oficina, e mobles, cadros, lámpadas e instrumentos.

Os organizadores destacan que todos os obxectos deben estar limpos, en bo estado e funcionar correctamente, co obxectivo de que poidan servir a outra persoa.

Este mercado, aberto a toda a veciñanza, é unha excelente oportunidade para dar saída a artigos en desuso e atopar novos tesouros reutilizables, apostando así por un modelo de consumo máis sostible.

0.16853618621826