Remata a construción da pista de pádel en Begonte
A Secretaría Xeral para o Deporte investiu 20.000 euros na instalación dunha pista de pádel en Begonte. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos acompañado polo alcalde do municipio, José Ulla, e explicou que a Xunta financiou o 80% do orzamento da obra -cifrado en 25.000 euros-, achegando o concello os outros 5.000 euros.
Arias subliñou que o Goberno galego apoia a creación e mellora de infraestruturas deportivas para “satisfacer o crecente interese social existente, especialmente en determinadas modalidades”. Ao respecto, destacou que o pádel é un deporte en auxe e que a oferta de instalacións “debe ser coherente coas demandas de cada territorio, co fin de que cada vez máis persoas realicen actividade física”.
“O obxectivo -apuntou- é que todos os veciños e veciñas teñan a opción de utilizar instalacións de calidade, con independencia do seu lugar de residencia”. Deste xeito, engadiu, “impulsamos o deporte de base, ademais de beneficiar ao conxunto da cidadanía e promover un estilo de vida saudable”.
A pista de pádel era unha das dotacións máis demandadas en Begonte; trátase dunha pista regulamentaria, construída ao aire libre, e dispón de iluminación LED para prolongar as horas de uso.
En total, dos 32.474.216 euros cos que conta a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.