Remata a remodelación integral da pista do barrio de Pude, en San Simón da Costa

TerraChaXa
A actuación, executada polo parque móbil da Deputación de Lugo, permitiu mellorar un vial de 1,2 quilómetros que dá servizo a numerosas vivendas
vilalba-pista-pude
12 Jun 2026

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, xunto aos concelleiros Luis Fernández e Ignacio Criado, desprazáronse hoxe á parroquia de San Simón da Costa para comprobar o avance dos traballos que o parque móbil da Deputación de Lugo continúa desenvolvendo nesta zona do municipio.

Durante a visita supervisaron as actuacións que se están levando a cabo actualmente na pista do barrio da Ribeira, onde o equipo de rego asfáltico continúa traballando na rexeneración mediante bacheo do vial, unha vez rematadas as tarefas previas de apertura e limpeza de cunetas.

Ademais, tamén visitaron o barrio de Pude, onde xa remataron os traballos de rexeneración integral da pista municipal.

A actuación permitiu mellorar unha vía de 1,2 quilómetros de lonxitude que dá servizo a un amplo número de vivendas e que presentaba un estado de notable deterioro.

Os traballos executados consistiron na aplicación de catro capas de pedra e tres de rego asfáltico, permitindo mellorar as condicións de circulación e facilitar os desprazamentos e o acceso ás vivendas da zona.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “estas actuacións permiten mellorar infraestruturas moi utilizadas no día a día da veciñanza e seguir avanzando na rexeneración progresiva da rede de pistas municipais”.

Rouco sinalou tamén que “a colaboración entre administracións permítenos chegar a máis puntos do municipio e dar resposta a necesidades que nos trasladan os propios veciños e veciñas”.

Durante a visita, a alcaldesa e os concelleiros tiveron ocasión de contrastar coas persoas residentes na zona o resultado dos traballos executados e compartir impresións sobre a mellora da vía.

Desde o Concello lembran que as actuacións continuarán nas vindeiras datas noutras zonas do municipio dentro da planificación prevista para seguir mellorando as infraestruturas municipais.

0.11721706390381