Remata a segunda fase das obras de mellora da rúa Pardo Bazán das Pontes

TerraChaXa | FerrolXa
As actuacións forman parte dun plan progresivo de rehabilitación da vía, iniciado coa primeira fase en 2022, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos servizos
rua-pardo-bazan-as-pontes
16 Oct 2026

O Concello das Pontes vén de finalizar as obras da segunda fase de mellora de servizos e pavimentos na rúa Pardo Bazán, executadas pola empresa Ambientum Tratamiento Global del Medioambiente S.L., cun investimento de 225.647 euros procedentes da Deputación da Coruña.

As actuacións forman parte dun plan progresivo de rehabilitación da vía, iniciado coa primeira fase en 2022, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos servizos urbanos, mantendo a continuidade estética e os estándares empregados na primeira intervención.

Os traballos permitiron completar a reordenación do tráfico, establecendo un sentido único de circulación para resolver os puntos conflitivos provocados polo estreitamento da vía e optimizar o estacionamento en paralelo.

No marco desta intervención, renováronse as beirarrúas con baldosas de formigón, eliminando desniveis e mellorando as condicións de accesibilidade conforme á normativa vixente. Pola súa banda, a calzada conta cunha nova capa de aglomerado en quente sobre unha solera de formigón, que garante unha maior estabilidade e durabilidade do pavimento.

As obras incluíron tamén a instalación dun novo sistema de saneamento separativo, que permite diferenciar as augas pluviais das fecais, conectando cada edificación coas acometidas correspondentes e mantendo en uso os colectores existentes que se atopaban en bo estado.

Outro dos aspectos destacados foi a modernización do alumeado público, coa retirada dos farois existentes e a instalación de nove novos báculos con luminarias LED de alta eficiencia, mellorando a iluminación tanto para os vehículos como para os peóns e garantindo a súa conexión segura á rede eléctrica existente.

No ámbito da urbanización, completouse a reposición da sinalización horizontal e vertical, así como a instalación de mobiliario urbano, con bancos, papeleiras e xardineiras. Tamén se definiron as prazas de estacionamento público, incluíndo unha praza adaptada para persoas con mobilidade reducida, e se repuxo a pintura viaria sobre o novo aglomerado.

A actuación abrangue un tramo de aproximadamente 140 metros de lonxitude e unha superficie de 1.420 metros cadrados, completando a urbanización da rúa Pardo Bazán ata a súa conexión coas rúas Antonio Machado e Ronda do Poboado.

Coa finalización destes traballos, o Concello das Pontes continúa avanzando na mellora dos espazos públicos e das infraestruturas urbanas, dotando a rúa Pardo Bazán dun entorno máis seguro, accesible e funcional para a veciñanza.

0.16203284263611