Remata en Outeiro de Rei a vacinación fronte á gripe nas residencias de maiores da provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa
O delegado territorial, Alfonso Villares, lembra que a campaña esténdese ata o 31 de decembro e vai incorporando progresivamente a diferentes colectivos e grupos de idade
vacinacion-gripe-outeiro-de-rei
6 Nov 2026

A Xunta completou a vacinación fronte á gripe e a covid nas residencias de maiores da provincia de Lugo, onde arrincou a campaña a finais de setembro. Como todos os anos, o proceso comezou neste tipo de centros e nos de discapacidade.

O delegado territorial da Administración autonómica, Alfonso Villares, visitou esta mañá a residencia DomusVi de Outeiro de Rei, onde hoxe se lles administrou a vacina ás persoas usuarias e ao persoal.

A poboación diana para a vacinación fronte á gripe confórmana as persoas de 60 anos ou máis -unhas 926.000 en Galicia-, e a da covid os maiores de 70 anos -549.000 aproximadamente-. Como novidade, este ano amplíase a vacina antigripal de alta carga para toda a poboación de 65 ou máis anos.

Villares lembrou que a Consellería de Sanidade prolongará a campaña ata o 31 de decembro e vai incluíndo de xeito progresivo aos diferentes colectivos e grupos de idade.

Así, o 13 de outubro comezou a inmunización para profesionais sanitarios e para a poboación infantil; o día 19 estendeuse ás persoas de 70 ou máis anos; e o pasado luns ás mulleres embarazadas.

A partir do 9 de novembro abrirase aos cidadáns a partir dos 60 anos; e dende o día 30 de novembro a conviventes con persoas de risco e ao resto da poboación diana.

0.1318678855896