Remata este sábado nas Pontes a quinta edición da Mostra de Teatro Amador

O Concello das Pontes, en colaboración cos grupos locais O Catre Teatro e Quemaisten Teatro, organizou a V Mostra de Teatro Amador, unha iniciativa cultural que busca poñer en valor o talento do teatro afeccionado e achegar as artes escénicas á veciñanza.
A mostra arrancou o pasado sábado 28 de marzo e desenvólvese no Auditorio Municipal Cine Alovi todos os sábados ata o 25 de abril, con funcións ás 20:00 horas.
A última representación terá lugar este sábado, 25 de abril, coa obra O que calamos (+16), da compañía Denigrantes Comediantes, de Nigrán. Nesta proposta escénica abórdase, desde unha perspectiva crítica e emotiva, todo aquilo que moitas veces queda sen dicir nas relacións persoais e sociais, convidando ao público a reflexionar sobre o peso dos silencios e das emocións ocultas.
As invitacións poderanse reservar a través da web www.aspontes.sacatuentrada.es e tamén estarán dispoñibles na billeteira do Auditorio Municipal Cine Alovi unha hora antes de cada representación.