Remata o curso de carretilla do Programa Integrado de Emprego
O Concello das Pontes fixo entrega dos diplomas ós 21 alumnos do Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello das Pontes, que participaron no curso de manexo de carretilla elevadora e pá cargadora.
Desde o 6 ó 10 de agosto, os alumnos recibiron un total de 22 horas formación, repartidas entre as clases teóricas, a cargo dun técnico superior e docente en prevención de riscos laborais, e a formación práctica levada a cabo nunha empresa local situada no polígono de Penapurreira.
Membros do goberno local durante o acto de clausura deste curso remarcaron que “o Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego” está encamiñado a que os participantes adquiran as competencias profesionais demandadas polo tecido industrial da contorna e este curso axústase plenamente ás demandas do mercado” e animaron a todos os alumnos a sacarlle o máximo partido á formación obtida de cara a súa inserción laboral.
Programa Integrado de Emprego.
O Programa Integrado de Emprego “Pontes de emprego”, no que participan 85 ponteses e que se prolongará ata finais do mes de novembro, está dirixido a mellorar a empregabilidade de colectivos con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou con baixa cualificación.
Desde a súa posta en marcha xa se realizaron boa parte das actividades previstas relacionadas coa información, orientación laboral, formación e asesoramento, tanto a través de sesións individuais como grupales, adaptadas ás necesidades das persoas beneficiarias, e dunha titorización para reforzar os coñecementos e habilidades adquiridas.
Actividades ás que hai que engadir a formación en técnicas de coaching, intelixencia emocional, técnicas de motivación para a procura de emprego, habilidades sociolaborais para aumentar as posibilidades de inserción laboral, obradoiros de videocurrículo así como tarefas de prospección empresarial e formación para o emprego cun obradoiro de cociña ou un curso de xestión de almacén, de 210 horas de duración, que arrincará no mes de setembro.
Na actualidade os beneficiarios de Plan Integrado de Emprego están participando nun curso de novas tecnoloxías e ofimática e nos próximos meses recibirán formación en prevención de riscos laborais e emprendedurismo; formación transversal dirixida a aumentar as súas posibilidades de inserción laboral.
O orzamento do Programa Integrado é de 140.320 euros, dos cales 112.256 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 28.064 euros polo Concello das Pontes.