Remata o prazo para anotarse no curso de solo pélvico de Rábade
O servizo de prevención de condutas aditivas da agrupación de Concellos de Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade organiza unha formación sobre o solo pélvico en Rábade dirixido á poboación en xeral.
Esta actividade enmárcase no programa do servizo denominado Boa Saúde, dirixido a promover hábitos saudables entre a poboación dos distintos concellos. Desenvolverase o día 12 de novembro, de 16.30 a 19.00 horas no centro sociocultural.
A formación ten como obxectivo mellorar a información e comprensión dos cambios evolutivos na muller e previr enfermidades propias do colectivo feminino.
O programa inclúe anatomía do solo pélvico, as súas funcións, as repercusións do embarazo e do parto, a debilidade da musculatura, as repercusións do exercicio e dos abdominais, as patoloxías asociadas e as técnicas de tratamento.
A docente será Cristina Ouro Núñez, matrona do Complexo Hospitalario de Lugo (Escola Galega de saúde para cidadáns), quen fará tamén unha sesión práctica.
O prazo de inscrición remata hoxe, 8 de novembro, a través da web da escola galega de saúde ou directamente a través deste enlace. Tamén pode facerse por mail a prevenciondrogas@rabade.org remitindo nome e apelidos, enderezo, mail, teléfono e DNI.