Remata outra exitosa Moexmu coa entrega de galardóns

TerraChaXa

A Moexmu chegou este domingo ao final dunha edición especial, a número 40, que contou cun novo éxito de asistentes, así como de gandarías presentes.

moexmu 20247
moexmu 20247
8 abr 2024

A Moexmu chegou este domingo ao final dunha edición especial, a número 40, que contou cun novo éxito de asistentes, así como de gandarías presentes. Representantes de todas as administracións acudiron a un dos últimos actos oficiais, a entrega de premios aos participantes nos distintos concursos.

Foron estas autoridades as encargadas de entregar os premios do Concurso de Xóvenes Manexadores da Moexmu, que contou coa participación de vintesete gandarías, na súa maioría de concellos lucenses – de Cospeito, Castro de Rei, Pol, A Pastoriza, Meira, Xermade, Lugo, O Páramo, Láncara, Riotorto, Barreiros, Chantada -e doutros concellos gandeiros da Coruña e Pontevedra.

No acto, celebrado durante a clausura da feira, entregáronse agasallos a todas as ganderías participantes e ás gañadoras e gañadores en cada categoría: Blanca Expósito Capón da gandería Capón Hosltein de Chantada -menores de 9 anos -, Helena Castro Iglesia da SAT A Vereda de Lugo -entre os 10 e os 15 anos- , María Otero Naval de Fontixón de Castro de Rei -entre os 16 e os 20 anos-, que tamén foi campioa absoluta do certame, e Nicolás Andrade Meixide da Gandería Carro de Mesía -maiores de 21 anos-.

Durante o acto, tamén se recoñeceu as mellores gandarías do Concurso de Gando Frisón, da Exposición de Gando de Rubia Galega e da Poxa de Gando Selecto, que se celebraron durante a fin de semana no recinto Manuel Vila de Muimenta, que acolleu tamén unha ampla exposición de maquinaría agrícola e de postos de artesanía.

Nos concursos de gando, no que participaron 90 reses de 17 granxas, o título de Vaca Gran Campioa foi para a veterana Rey 814 Beemer Yuri, que en agosto fará sete anos, e que revalidou o triunfo no XXXVIII Concurso de Gando Frisón de Muimenta.

Yuri gañaba en vaca adulta, pero non foi o único premio para esta gandaría. Rey 946 Jacoby Mahendra facía o propio en vaca intermedia de catro anos. Rey de Miñotelo colleitaba ademais dous títulos na competición de xatas e xovencas, os de Rey 1246 Dani Brahina e Rey 1174 Thunderstorm Holy, que ademais foi designada polo xuíz do certame, Bonet Cid, como Xovenca Campioa.

Estas catro vitorias foron cruciais para que se levara esta granxa pastoricense o título de Mellor Criador de Vacas, coa gandería Carro de Mesía (A Coruña) no segundo lugar. En Mellor Criador de Xovencas, a coruñesa fíxose co título grazas con Casa-Nova MR Sugus Choice ET e Casa-Nova Gigi Blasla . Sumaba, ademais, unha terceira vitoria coa vaca Casa-Nova Galir Denver 1497.

A gandería xermadesa A Lagoa Serabel acadou dúas vitorias con Kergo Ozalid 6818 (vaca adulta de cinco anos), que foi tamén reserva da Gran Campioa; e Vilarmor Cayenne Nanci (tres anos), gañadora do título de Vaca Intermedia Campioa. O recoñecemento de Xata Campioa foi para PozoSaa Fitters 0259, da luguesa Casa Pozo. Ademais, a debutante Gorrello, de Castropol, facíase co título en vaca nova ata 28 meses con Gorrella Chekia Hannans.