Remata sen acordo o período de consultas do ERE de Einsa Print

TerraChaXa
Agora a empresa dispón de 15 días para comunicar se executará o ERE, que finalmente afectaría a 99 persoas
peche-traballadores-einsa-print
18 Jul 2025

Este xoves tivo lugar a última reunión do período de consultas do novo ERE presentado por Einsa Print, toda vez que a empresa se negou a ampliar as negociacións, malia non ter entregado á parte social documentación relevante como as contas auditadas do ano 2024. A xuntanza rematou sen acordo, xa que o persoal entende que este ERE é unha fraude e que non existen as causas sobrevidas coas que a dirección pretende xustificar o despedimento colectivo.

Agora a empresa dispón de 15 días para comunicar se executará o ERE, que finalmente afectaría a 99 persoas.

A empresa, sinala o secretario da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, pechouse na súa postura e nin sequera foi posíbel avanzar un acordo de indemnizacións, posto que Einsa Print quere abonar as cantidades en dous prazos. Algo que o persoal non está disposto a asumir como tampouco asumirá contías que non sexan equivalentes a recoñecer un despedimento improcedente.

Ademais, a central trasladou a súa desconfianza sobre as garantías ofrecidas pola empresa para o abono do segundo prazo das indemnizacións “que nada máis que vincula á venda da nave de Penapurreira”

Neste contexto, a CIG reiterou que non existen causas para este ERE, que é igual que o aplicado en 2023, no marco do que se asinou un compromiso de mantemento do emprego até decembro de 2026 que non está cumprindo. Por iso, Vidal xa avanzou que a central impugnará o ERE, no caso de Einsa Print executar os despedimentos.

Na véspera da xuntanza, o mércores, os traballadores e as traballadoras protagonizaron un peche no salón de plenos do Concello das Pontes para manifestar o desacordo coa medida da empresa e defender o seu dereito a un emprego digno. No marco desta acción, mantiveron un encontro co alcalde do municipio para que lles trasladara que información ten arredor de posíbeis actividades que se instalen nas naves e terreos que Einsa ocupa no Polígono de Penapurreira, xa que as pretensións da empresa apuntan a un cambio de actividade e a dar un “pelotazo” nun concello falto de chan industrial.

Neste senso, reclamaron unha aposta polo futuro do emprego e a industria na localidade, tendo en conta que máis alá dos múltiples anuncios e da propaganda non existe nin un só proxecto en marcha que garanta unha transición realmente xusta. Precisamente Einsa Print foi a primeira empresa que se instalou no polígono ao abeiro do plan de desenvolvemento tras o peche da mina e era a compañía que maior volume de postos de traballo directos xeraba, despois da central térmica.

⚙ Configurar cookies
0.41603398323059