Rematan as obras da estrada entre Xermade e Cabreiros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de mellora de firme dun tramo de 5,5 quilómetros da estrada LU-170, que une Parga e Cabreiros, ao seu paso polo concello xermadés.
Nestes traballos investíronse 450.000 euros. En concreto, a intervención consistiu na mellora do firme entre a intersección da Pena -no núcleo de Xermade- e Cabreiros, xusto onde comeza o treito rehabilitado pola Xunta hai uns anos.
Procedeuse á rehabilitación do firme en toda a superficie da estrada, mediante o estendido dunha nova capa de rodadura de altas prestacións nos treitos que presentaban mal estado, para incrementar a adherencia, reforzar a seguridade e ofrecer maior comodidade na condución aos usuarios.
A actuación incluíu, ademais, a limpeza das marxes da estrada, a reposición e o pintado das marcas viarias e o reforzo da sinalización vertical. Así mesmo, nos treitos con menor ancho e con gabias profundas, dispuxéronse cunetas de seguridade, que poden ser rebasables e utilizarse en caso de ser necesario. Colocáronse tamén barreiras de seguridade e sistemas de protección para motoristas.
A obra enmárcanse no Plan de reforzo de firmes, que este ano destina ás estradas autonómicas da provincia de Lugo un investimento de 4,6 M€.